
Afondar no coñecemento sobre San Xoán de Camba, un dos mosteiros máis antigos da Ribeira Sacra, e tamén sobre o castelo de Castro Caldelas e o seu papel nesta vila fortaleza. É o obxectivo das intervencións arqueolóxicas que se veñen realizando neste dous enclaves, co apoio da Xunta, e cuxos resultados se daban a coñecer ao longo deste 21 de maio no propio castelo caldelao.
O programa, promovido dende o Concello de Castro Caldelas, incluía dúas sesións diferenciadas. A primeira delas, de carácter técnico e institucional, tiña lugar ás 11:30h. Nesta mesa de traballo, coa presenza da alcaldesa, Sara Inés Vega, participaban as institucións e o persoal técnico das diferentes entidades: técnicos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, da Facultade de Historia da Universidade de Vigo, da Delegación de Cultura da Xunta en Ourense, arqueólogos técnicos en Ourense e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural…
Neste encontro abordábanse os resultados das escavacións arqueolóxicas, pero tamén posibles vías de traballo futuro tanto no Mosteiro de San Xoán de Camba como no castelo de Castro Caldelas. “Foi un éxito, estamos moi agradecidos ás diferentes institucións que viñeron e iso permitiunos empezar a traballar nunha folla de ruta ou nunha especie de plan director que coloca a Castro Caldelas como referente arqueolóxico da Ribeira Sacra por múltiples razóns”, comentan dende o equipo que dirixíu as escavacións.

Mosteiro de San Xoán de Camba
No caso de San Xoán de Camba, as intervencións arqueolóxicas, que se levan realizando dende o ano 2022, co financiamento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pretenden “a caracterización do sitio, intentando buscar un dos mosteiros máis antigos da Ribeira Sacra, que aparece referida en documentación escrita dende o século X, unha época altomedieval na que temos referencias de construcións prerrománicas no sitio, que está custodiada no Museo Arqueolóxico de Ourense”, explican os arqueólogos.
Os traballos realizados ata o momento permitiron localizar o cemiterio do conxunto monástico, e unhas construcións monumentais, “tipo fortaleza moi posteriores no tempo, probablemente do século XV en adiante, no lugar, que é o que nos confundía durante estes anos. Pero nesta campaña a posibilidade de escavar en área permitiunos sacar toda esa necrópole cunha acumulación de tumbas, unhas enriba doutras, que nos indica que aí durante moito tempo enterrouse no mesmo sitio. Tanto é así que algunhas desas tumbas conteñen materiais galaicorromanos reutilizados, o que nos fala dunha ocupación deste espazo dende esa época galaicorromana, o cal coincide xa con moitos materiais que hai na zona, como moedas, restos de construción romana, epígrafes… Iso indica que, probablemente, hai un xacemento romano moi próximo á zona do Burgo, que é por onde pasa a Via Nova, e existe unha secuencia dende ese momento ata que se constrúe ese primeiro conxunto monástico e toda a ocupación posterior”, explica o equipo de investigadores encargado das escavacións.

Este conxunto de restos óseos foron estudados polo antropólogo forense Fernando Serrulla, e inciden en que se observan “diferentes osos de diversos individuos mesturados, isto implica que hai moitas tumbas que están amortizadas, unhas enriba doutras, e que nos falan dunha presión grande de enterramentos nunha zona moi pequena”, conta dende o equipo, que tamén adianta que a Xunta comprométese a seguir investigando neste xacemento “porque é necesario caracterizar ese conxunto monástico e intentar encontrar a outra parte. Xa atopamos o cemiterio, pero agora habería que intentar atopar o que é o claustro ou o conxunto monástico”.
Torre do Reloxo do Castelo
Outra das intervencións arqueolóxicas realizadas, desta volta financiada por Turismo de Galicia, tiña lugar na Torre do Reloxo do Castelo de Castro Caldelas, a torre máis antiga do conxunto. Resultaba unha escavación moi complexa e loxisticamente moi complicada. “Tivemos que escavar a 8 m de profundidade, sen vías de evacuación de terras, foron uns labores moi complexos. A nivel loxístico resultou un verdadeiro reto que fomos quen de solventar. Localizamos unha lasaña de estratos que nos permiten ler a historia do castelo dende a súa fundación ata a actualidade”, comentan os investigadores.

Así o expoñían esta tarde, ás 19:30h., nunha charla dirixida á cidadanía, pero tamén na sesión da mañá con técnicos e representantes institucionais, onde o equipo de investigadores, xunto ao Concello, presentaba unha serie de deficiencias, necesidades, “e todos os presentes comprometéronse a traballar dende os seus ámbitos en diferentes vías de traballo”.

Por iso, dende a organización consideran que a xornada supuxo todo un éxito. “Permitiunos contar os traballos que se están facendo aquí e ao mesmo tempo que sirvan para outras actuacións que se poidan seguir acometendo tanto no conxunto monástico de San Xoán de Camba, como no propio castelo e na vila de Castro Caldelas, que é unha das liñas de investigación que temos a día de hoxe, entender o propio castelo como só unha parte dunha vila fortaleza moito máis grande, e que son vías de traballo que se están a explorar”.
Fotos cedidas.
