Espectacular ruta de montaña a que realizaban o domingo 1 de xuño os membros da Asociación Huellas de Cabrera. Desenvolvíase por terras asturianas, no Parque Natural Fuentes del Narcea, Negaña e Ibias e tiña como meta o pico Picón.
“A ruta comeza no centro da localidade de Cerredo, e xa mesma estrada principal pode verse un monumento ao mineiro e uns paneis indicativos da ruta, seguímolos polas rúas e xa nos conducían a unha pista gandeira en dirección á falda do pico Picón”, comentan os participantes na marcha.
A partir de aí comezaban o ascenso camiño do cume do Picón (1.866 m), nun percorrido entre arboredas autóctonas nas que se combinaba o sol e as sombras, entre prados, bidueiros, robres e acrivros, pasando tamén á beira de fontes rebosantes de auga.

Unha vez finalizada a pista gandeira, entraban nun tramo duns 200 m, cunha pronunciada pendente, ata chegar ao cordal que os levaba ao cume do Picón, entre paisaxes impresionantes e preciosas, aderezadas coa néboa. “Xa no cume descansamos un pouco, xa que dende o Cerredo ata alí fixemos uns 800 m de desnivel, tamén fixemos unhas fotos do cume e tomamos un aperitivo para repoñer forzas”, din os camiñantes.

Dende aí, iniciaban xa o descenso, seguindo cara adiante o cordal, e vendo a fermosa Lagoa do Changreiro, á que despois chegaban. Nese punto detíñanse para comer e, a continuación, completaban os 4 km que os separaban do punto de partida da ruta: Cerredo. Pero, antes de voltar, facían unha derradeira paradiña no Stellarium, unha orixinal proposta para mergullarse no mundo da astronomía, despregada nun prado e que lles chamou moito a atención.
“O día acompañou, a paisaxe foi espectacular, e iso a iso tamén axudou a néboa”, conclúen dende Huellas de Cabrera.
Fotos cedidas.
