ConcellosRibas de SilÚltima horaVídeos

José Tomé: “Esta festa é tamén a proba de que o rural galego está vivo, ten orgullo e ganas de compartir o mellor que ten”

O presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte era o pregoeiro da XXI Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite de Ribas de Sil

 

Hai aproximadamente un ano a Deputación de Lugo concedía a Ribas de Sil un premio no apartado de gastronomía, en “recoñecemento a vinte anos de traballo e esforzo para un concello pequeniño que foi complementando a feira cos diferentes produtos, pelexando por que saian adiante”, en palabras do alcalde, Roberto Castro. Un premio que recibían da man do seu presidente, José Tomé Roca, ao que convidaban para dar o pregón da XXI Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite de Ribas de Sil que se celebraba nesta fin de semana na praia fluvial de San Clodio.

 

 

E alí, trala animación musical da charanga Km 0 e a actuación do grupo de baile Foliada do Río Grande de Vimianzo, no mediodía deste domingo 8 de xuño, Roberto Castro daba as grazas a todos os asistentes, público en xeral e representantes de todos os partidos políticos, destacando “a colaboración para sacar adiante o territorio”, e presentaba ao pregoeiro co que levan anos traballando, e que fiel ao dito popular “para que te vexan ponte de pé, para que te escoiten fala alto e acaba rápido para que aplaudan”, era breve.

 

 

Moito máis que unha honra, para Tomé Roca “é unha emoción persoal e un orgullo compartido con todos vos” ser o pregoeiro desta festa que é “unha celebración de identidade que medrou ao pé do río Sil, dunha tradición que enche de sabor a nosa mesa e de sentido a nosa vida”, dixo, asegurando que non só hai cereixas, viño e aceite senón “historia, esforzo, paixón pola terra e unha maneira de entender o mundo que por suposto merece ser celebrado”.

 

 

Malia nacer nunha parroquia de Guitiriz, o presidente da Deputación de lugo leva décadas vivindo, traballando e amando esta comarca da Ribeira Sacra onde formou a súa vida, e aprendeu “que o máis poderoso é a xente que cre naquelo que fai, por iso cando vexo os postos de produtos, vexo tamén as mans das persoas que os coidaron, das súas familias que traballaron. Vexo eses tempos de espera depositados na colleita que vai vir”.

 

 

O que se colleita en Ribas de Sil “son sen dúbida produtos de calidade, con carácter e de verdade e por iso é tan valorado porque leva detrás algo que non se compra nin se improvisa, a sabedoría, a tradición e o coidado do traballo ben feito”, dixo asegurando que esta festa é tamén a proba de que o rural galego está vivo, é un rural con orgullo e ganas de compartir o mellor que ten”, e destacando o apoio real da Deputación co territorio e coa xente que fai posible cada día que os recunchos desta provincia teñan futuro, para o cal lembrou a posta en marcha de servizos como a residencia de maiores pública, “moito máis que un servizo social, unha resposta humana porque finalmente o que buscamos é que a xente escolla quedar aquí, que o rural non sexa unha lembranza senón unha elección de vida”. Hoxe Ribas de Sil é un exemplo de constancia, orgullo e beleza”, concluía antes de recibir, de mans do propio alcalde, a maqueta da Ponte de Ferro, obra da artista local María Jesús Castro.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.

Máis información e fotos:

As cereixas, o aceite e o viño de Ribas de Sil protagonizan a XXI edición da festa na praia fluvial de San Clodio

 

Artigos relacionados

Back to top button