A RúaConcellosÚltima horaVídeos

Acto final do proxecto Ruagua, “unha aposta pola xestión sostible da agua na Rúa”

O evento reunía a administracións, cidadanía, entidades sociais e empresas para amosar o impacto do proxecto no municipio

 

Na mañá deste xoves 12 de xuño celebrábase no Centro Cultural Avenida da Rúa o evento final do proxecto Ruagua, unha iniciativa sostible que propón xestionar a auga de maneira circular e colaborativa, implicando a cidadanía, administracións, empresas e entidades locais. Enmarcado dentro do programa DEMOS, promovido pola Deputación de Ourense e impulsado pola Fundación Cotec e IKEA para fomentar a innovación social no rural froito da colaboración entre Cetaqua, AquaOurense e o Consorcio de Aguas de Valdeorras.

 

 

 

Durante o acto, presentáronse os principais logros da iniciativa entre os que destaca a posta en marcha dun sistema capaz de rexenerar entre 50 e 200 metros cúbicos diarios de auga, destinada a usos como a rega de zonas verdes e viñedos, o baldeo de rúas ou a loita contra incendios, reducindo así o estrés hídrico do municipio. Así mesmo, a instalación de 112 paneis solares fotovoltaicos garante a autosuficiencia enerxética das instalacións de rexeneración e depuración (durante as horas de luz solar), reducindo así a pegada de carbono e os custos operativos do sistema.

 

 

A xornada, presentada pola xornalista Cristina da Torre, era inaugurada por María Carmen González Quintela, deputada provincial delegada especial para Valdeorras, en representación da Deputación Provincial de Ourense, que acudiu acompañada polo director da Área de Medio Ambiente da Deputación, Javier Bobe, amosando en nome da institución o seu “orgullo” polo que supuxo Ruagua, “un paso adiante na nosa comarca cara un modelo de desenvolvemento máis sostible e circular”.  Lembrou que foi un exemplo claro de como a colaboración entre a administración, un centro tecnolóxico, empresas e cidadanía poden xerar solucións reais para desafíos tan urxentes como a xestión da auga ou a enerxía, “especialmente nun territorio marcado pola sequía como é A Rúa, no que estes desafíos xa non son do futuro: son do presente”.

 

 

González Quintela recalcou tamén que neste proxecto non só se falou da teoría da economía circular: púxose en práctica. “Amosamos que é posible aproveitar mellor os nosos recursos, mediante a innovación e a participación social. E que facelo dende o local, dende o máis preto, dende a nosa comarca, ten un valor multiplicador”. Por último, María del Carmen González concluiu sinalando que o proxecto Ruagua culmina “sementando novas ideas, novas políticas e novas formas de entender a xestión da auga en Valdeorras”, augurando vindeiras colaboracións neste eido.

 

 

En representación da Fundación Cotec, María Peñate, Técnica de Proxectos e Xestión do Coñecemento, expuxo o enfoque do programa DEMOS, que impulsa proxectos piloto en municipios españois para demostrar que a innovación tamén pode xurdir desde o pequeno e xerar grandes cambios.

 

 

O bloque central do evento estivo dedicado a coñecer os resultados de Ruagua, presentados por Sergio Santorio, investigador de Cetaqua, quen sinalou que “é posible xestionar a auga de forma sostible, combinando a reutilización con enerxías renovables para ofrecer solucións reais aos desafíos ambientais do presente e do futuro, e todo isto desde un enfoque participativo, promovendo unha cultura da circularidade na poboación local”.

 

 

A xornada culminou coa mesa redonda “Xerando impacto positivo”, moderada por Brais García, investigador en Cetaqua, na que participaron representantes crave do proxecto: Victor Comesaña, director de AquaOurense, Leticia Rodríguez, directora de Innovación de Viaqua, Javier Rodríguez Toribio, profesor do Colexio Pablo VI e Belén Llorente, técnica de KSNET. “Grazas ao proxecto Ruagu, logramos transformar os retos da auga existentes no Concello da Rúa en oportunidades para o futuro”, apuntou Leticia Rodríguez.

 

 

Con este evento, ao que acudían alcaldes da contorna como a da Rúa, María G. Albert; Larouco, Patricia Lamela ou Petín, Raquel Bautista, Ruagua pon o broche final a dous anos de percorrido que demostran que aplicar solucións circulares en municipios rurais é clave para facer fronte a desafíos globais desde o local, posicionando á Rúa como un municipio referente en Galicia en innovación social e economía circular.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeo: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button