CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A “Alborada do Gaiteiro de Valdeorras”, o son máis antigo gravado en Galicia, na web do CCG

Gravada entre 1897 e 1900, sería, ata o momento, a gravación máis antiga de tema galego conservada

Imaxe: CCG.

 

O Consello da Cultura Galega vén de publicar a través do seu web corporativo catro gravacións de relevancia para o patrimonio sonoro de Galicia. Estes documentos sonoros de entre finais do século XIX e inicios do XX foron localizados e identificados polo especialista Carlos Martínez Ballester. A Alborada do Gaiteiro de Valdeorras, gravada entre 1897 e 1900, sería, ata o momento, a gravación máis antiga de tema galego conservada, e tamén o primeiro rexistro sonoro dun gaiteiro do país. Outra das pezas, a Muiñeira de Blanca del Carmen, rexistrada ao redor de 1900, sería a primeira gravación coñecida dunha canción en galego cantada por unha muller.

Carlos Ballester presentou estas gravacións xornada O fonógrafo e as demostracións públicas en España (1877-1895): a vía galega, celebrada o pasado mes de febreiro no CCG, deu a coñecer a existencia dunha serie de rexistros fonográficos producidos en Galicia. As pezas musicais, ata agora descoñecidas e postas á disposición do público, corresponden a unha muiñeira, unha alborada e dous tangos.

O investigador en patrimonio sonoro Carlos Martín Ballester conta co maior arquivo musical de España entre o período 1895-1960. Especializado en cilindros de fonógrafo e discos de gramófono, puido extraer as catro melodías a partir de lousas gravadas dos cilindros orixinais.

O primeiro audio, Alborada do Gaiteiro de Valdeorras, do gabinete fonográfico Álvaro Ureña, data entre 1987 e 1900 e correspondería ao son máis antigo que se coñece gravado en Galicia ata o momento. A peza Muiñeira, de arredor do 1900, sería a primeira canción en galego interpretada por unha muller da que hai rexistro, uns versos na voz da soprano Blanca del Carmen, cantante de zarzuela e ópera que traballaba para a Compañía Gramophone. Por último, o especialista puido recuperar os sons de dous cilindros do cantante Antonio Pozo “El Mochuelo” malia o pésimo estado de conservación dos soportes. Unha das pezas, Tango del [sic] Ferrol foi gravado en Cádiz pola Sociedad Fonográfica Española Hugens y Acosta entre 1898 e 1901 e fai alusión á cidade departamental en <<Hay un cuartel en El Ferrol de marinería/ dentro del Arsenal…>>. A última das cancións de “El Mochuelo”, Tangos-Farruca de 1900-1903, do gabinete fonográfico: José Navarro fai tamén referencia a Galicia na súa letras <<Una farruca en Galicia/ con sentimiento lloraba/ se le había muerto el farruco/ que la gaita le tocaba>>.

Estes documentos sonoros, que segundo Carlos Martín poden anticipar o achado de novas testemuñas de paleografía sonora vencellada a Galicia, póñense a disposición do público por primeira vez no web do CCG.

Ligazóns relacionadas

https://consellodacultura.gal/especiais/a-via-galega-ao-fonografo/

Back to top button