Dentro da súa campaña de mobilización e actuacións de cara a recuperar os servizos perdidos na Estación Porta de Galicia-A Gudiña, a Plataforma Dereito ao Tren vén de dar a coñecer unha curtametraxe “poética e desgarradora” cunha mensaxe clara e contundente: “Estanos a matarnos en vida”, que se ven de facer pública esta tarde.
A obra denuncia o abandono progresivo do tren no sueste de Ourense, tras os últimos recortes nos horarios do AVE, e convértese en altofalante dunha terra que non quere renderse. Dirixida polo actor e cineasta Rubén Riós, tamén presidente da plataforma cidadá Dereito ao Tren, a curta conta coa participación de máis de 300 persoas entre profesionais do sector audiovisual e veciños do oriente ourensán. Unha mobilización cultural e emocional que ten como rostro principal a Benedicta Sánchez, gañadora do Goya a mellor actriz revelación por O que arde.
“Quixen mostrar como nos están desconectando aos poucos, coma se non importásemos. O tren non é un luxo, é un dereito. E sen el, o corazón do rural deixa de latexar”, afirma Rubén Riós.
A curtametraxe narra o impacto dos recortes ferroviarios na vida de persoas maiores, novas, retornados, gandeiras, músicos ou emprendedores rurais. Cunha estrutura coral e cunha estética simbólica, este filme retrata con crueza —e tamén con ironía— como as decisións políticas deixan illadas a comunidades enteiras que decidiron apostar polo rural.

Unha chamada á mobilización
Esta peza audiovisual é tamén unha ferramenta de mobilización cidadá. Desde a plataforma Dereito ao Tren denuncian que “a supresión de horarios vai en contra de calquera política de loita contra o despoboamento e condena ao esquecemento a comarcas enteiras”.
“O sueste de Ourense está a ser condenado ao esquecemento. Quitan horarios, deixan á xente sen conexións… e logo pregúntanse por que a xente vaise. Pero aquí tamén hai vida. Aquí tamén hai dereitos”, subliña Benedicta Sánchez.
A curtametraxe serve como antesala da gran manifestación convocada para o 2 de agosto na Gudiña, unha cita clave para esixir solucións reais e reclamar o dereito para seguir vivindo —e movéndose— no rural.