EconomíaEconomíaÚltima horaVídeosViticultura

Viño, música e petiscos na Coroa e nas Pinguelas (A Rúa) na segunda cita do festival ‘Entre Covas’

 

Dous barrios, tres covas e unha mesma cita. Na Coroa e As Pinguelas (A Rúa) se desenvolvía na tarde deste venres 18 de xullo a segunda cita de ‘Entre Covas’, o I Festival de Artes e Enoturismo que organiza a Asociación Ruta do Viño de Valdeorras co apoio da Axencia de Turismo de Galicia e da Deputación de Ourense.

 

 

Con arredor de 50 persoas (aforo completo), o evento comezaba cun recibimento na Adega Melillas, na zona da Coroa, por parte da organización e tamén dos propietarios da cova que a amosaban ao público. Despois e tras un pequeno paseo, chegaban ás Pinguelas, á cova de Joaquín Rebolledo onde tiña lugar o concerto de Carmela, un grupo liderado pola música e investigadora Carme López, que puxo a voz e a percusión a un repertorio centrado na música de tradición oral galega, co canto e a percusión de man como elementos definitorios, adaptándoos ao contexto musical actual. Unha proposta íntima e con moitas capas no que, ademais de López, participan Sara Méndez, no saxofón, e Camille Hedouin, no apartado electrónico.

 

 

A terceira e última parada da tarde era a cova da adega Alan de Val cunha cata de viños guiada pola enóloga Cecilia Fernandez e petiscos elaborados polo Paladium.

 

 

A última das citas de ‘Entre covas’ será o venres 22 de agosto nos exteriores de Bodegas Blare, en Vilanova, no concello do Barco. Nos seus xardíns, a compañía de danza de Fran Sieira presentará o seu espectáculo Ceibe, unha peza que combina danza contemporánea e cultura tradicional.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Back to top button