
O fume e mesmo a cinsa dos incendios forestais, tanto da provincia de Ourense como noutros puntos próximos como é a veciña provincia de León, nótase especialmente dende onte en comarcas como a de Valdeorras, onde se sente un intenso olor a queimado.
Ante esta situación, e tendo en conta especialmente a situación das persoas máis vulnerables, hai unha serie de consellos sanitarias que é importante ter en conta. “As principais recomendacións para evitar a exposición ao fume en pacientes con problemas respiratorios como EPOC, asmáticos, pacientes con fibrose pulmonar, etc. é estar pendentes das alertas sanitarias e facer caso das recomendacións que nos dan as autoridades sanitarias, especialmente, quedarse en casa, selar portas e ventás, facer uso dos dispositivos de aire acondicionado se os tivesen, unha axeitada hidratación e humificación de pel e de mucosas e intentar saír só de casa se realmente é necesario”, explica o doutor Hugo Gómez Márquez, neumólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Ademais, este especialista matiza que, no caso de ter que saír á rúa, deberían usar “as mascarillas máis filtrantes”. Tamén aconsella “asegurarse de que no domicilio dispoñemos de todo o arsenal terapéutico inhaladores, oxíseno terapia, dispositivos dos nosos pacientes crónica”.
Por outra banda, o doutor Gómez Márquez desaconsella “facer exercicio físico no exterior cando se están inhalando diferentes compostos orgánicos volátiles dos incendios como formaldehído, como benceno, óxido de hidróxeno, como dióxido de carbono ou incluso monóxido de carbono, iso é perxudicial”.
Así, o Servizo de neumoloxía do Hospital Universitario de Ourense advirte aos pacientes con patoloxia respiratoria dos riscos para a saúde derivados da exposición ao fume dos incendios forestais e lembra a importancia de seguir as medidas preventivas para minimizar os seus efectos.
O fume dos incendios está composto dunha mestura de gases e partículas microscópicas que se desprenden da vexetación en chamas. O fume pode irritar os ollos, o sistema respiratorio e agravar a situación daqueles que padecen enfermidades cardíacas e pulmonares crónicas.
Os colectivos máis vulnerables son bebés e nenos, mulleres embarazadas, persoas maiores e quen padeza enfermidades como asma, enfisema, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC) ou patoloxías cardíacas.
Entre os síntomas máis frecuentes pola exposición ao fume están: tose, irritación de ollos, nariz ou gorxa, falta de aire, dor de peito, dor de cabeza, fatiga ou respiración con asubío. Mesmo persoas sans poden presentar molestias cando a concentración de fume é elevada.
Recomendacións principais:
Limitar ao máximo a exposición ao fume.
Seguir as indicacións das autoridades sanitarias e estar atentos ás alertas de saúde pública.
Manter portas e fiestras pechadas se se recomenda permanecer no interior. Utilizar aire acondicionado se se dispón del.
Evitar actividades que aumenten a contaminación no interior do fogar, como acender candeas ou pasar o aspirador. Non fume posto que aumentará a contaminación do aire.
Se se pertence a un grupo de risco e se agravan os síntomas, contactar co médico e seguir o tratamento indicado.
Non empregar máscaras contra o po, panos nin roupa como protección, xa que non son eficaces contra o fume.