Dous anos despois e sempre que o tempo o permita a Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico volve á praia fluvial do Malecón, no Barco de Valdeorras sobre tres piares: a gastronomía, a cultura e a música, con actividades pensadas para “desfrutar do espazo dende a mañá ata a noite”.
Así o adiantaba a concelleira de Turismo e Promoción Económica do Barco, Alva Rodríquez Sanmartín, na presentación realizada na mañá deste martes 2 de setembro, onde explicou que nesta V edición instalaranse 22 stands, dos que 19 son de gastronomía (unha caseta ten dous produtores), tres de artesanía e por primeira vez un de cosmética natural.
Organizada polo Eixo Atlántico e o Concello do Barco a Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico enchera de vida a beira do río Sil na fin de semana do 6 e 7 de setembro contando con produtores locais de Galicia e Norte de Portugal, que venderán produtos gastronómicos de calidade, con garantía de orixe e elaborados con paixón no rural. Completan a feira artesáns de Galicia en madeira, artes gráficas e barro.
A feira contará ademais con obradoiros gratuítos, animación infantil, zona para comer e moita música. Tamén haberá catas con maridaxe e unha mostra de cociña con degustación. Completa a oferta lúdica da feira un concurso de pintura, convocado por primeira vez baixo o título “Debuxando no Sil”, con premios para os ganadores en cada categoría.

Este ano volven as Catas no Sil, o sábado ás 12 e ás 19 horas, con degustacións de produtos e viños da feira, que dirixirá a sumiller Mercedes González e tamén haberá un showcooking o domingo ás 12 horas. Demostración de cociña, coa elaboración dun menú con base de allo negro que cociñará Belén Castro, do Grupo Vallelongo, e posterior degustación dos pratos.
Con respecto aos obradoiros, haberá catro: de torno de barro, cosmética natural, creatividade e gastronomía. O sábado “A Voltas co Barro” ás 11 horas, impartido por Cenizas de Papel; e “Perfume Natural” ás 17 horas, impartido por Piel Natura. E o domingo “Corpos Múltiples” ás 11 horas, impartido por Deica Creacións; e “Fai o teu Queixo” ás 17 horas, impartido por Monteceo.

O concurso “Debuxando no Sil” estará conducido por Eva de El Mundo de Popitas e dirixido tanto a nenos como os adultos. Os interesados deberán representar nun debuxo o río Sil desenvolvendo a súa capacidade de observación. Haberá mesas e cadeiras para os participantes e será monitorizado pola coordinadora que tamén lles dará aos participantes o papel no que deben realizar e os materiais necesarios para pintar.
Este ano e como novidade tamén haberá un stand para promocionar a poesía de Valdeorras, en concreto a 7 poetas e 7 poetisas da comarca de varias épocas. Nel, aos visitantes da feira interesados faráselles un QUIZZ con preguntas sobre autores e autoras de Valdeorras e só por participar levarán para casa un imán de neveira cunha frase dun autor de Valdeorras e unha tarxeta co fragmento, nome e autor da obra. Se acertan as preguntas poderán levar mais imáns.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.