Dúas especialistas do Hospital Universitario de Ourense, Concepción Alonso e Pilar Garzón, dos servizos de Anestesia e Urxencias, forman parte do equipo de voluntarios do programa da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) do Ministerio de Sanidade, que colabora coa Orde de Médicos de Mozambique, para a mellora da atención aos pacientes politraumatizados.
O Hospital Universitario é un dos colaboradores habituais da axencia de cooperación nacional, en materia de formación, participando tanto en expedicións internacionais de médicos formadores a Mozambique ou Níxer, como promovendo estadías de profesionais sanitarios de países en vías desenvolvemento, nos centros hospitalarios públicos de Ourense e Verín, para formarse nas diferentes disciplinas técnicas, especialmente cirúrxicas.
A AECID contribúe, dentro do seu programa de cooperación internacional, ao fortalecemento dos sistemas sanitarios de países en vías de desenvolvemento, e moi especialmente promovendo a implantación da sistemática dos cursos de atención ao paciente politraumatizado (ATLS: (Advanced Trauma Life Support), dos que Ourense é referente e sede nacional e europea.
O fortalecemento da formación na atención a este tipo de emerxencias médicas, é especialmente importante en Mozambique, ao igual que en gran parte dos paises en vías de desenvolvemento, onde se multiplica a incidencia dos accidentes e feridas traumáticas, especialmente en xente nova e en idade laboral, sendo unha das principais causas mortalidade e perda de anos de vida na maioría de países en vías de desenvolvemento.
“Levamos formado a 128 profesionais en Mozambique” explica Pilar Garzón, que subliña que sete deles son xa instrutores “O noso obxectivo é xerar un grupo de instrutores locais que lles confira autonomía para continuar a formación”, obxectivo no que avanzan de ano en anos.
En Mozambique a taxa de mortalidade por politraumatismos é moi elevada polo que para Garzón “as melloras que se poden reflectir na poboación coa formación destes profesionais poden marcar unha diferenza significativa na supervivencia dos pacientes cun trauma grave”.
Na expedición que conclúe hoxe, os cursos celebráronse na Facultade de Medicina Eduardo Mondlane e no Hospital Central de Maputo por parte do equipo formado ademais de polas profesionais ourensás, por Soledad Montón (Navarra); Rafael León (Córdoba); Juan Carlos Rumbero (Bilbao) traballaron xunto con instrutores locais formados por eles mesmo noutras edicións, os especialistas mozambicanos Ezio Massinga, MªAugusta Taimo, Euridxe Barbosa, Micail Julaya, Carlos Selemane, Dalva Khosa e Tania Ribeiro.
Fortalecer a formación dos médicos especialistas
A participación ourensá nos programas de cooperación foi clave para establecer un segundo punto de colaboración, facilitando a estanza de especialistas destes países nos centros sanitarios públicos de Ourense, no marco da súa formación postgraduada, que no caso de Mozambique ten unha duración similar á de España.
Neste período, os visitantes benefícianse do acceso a novas tecnoloxías e procedementos de recente implantación, moi especialmente daqueles minimamente invasivos, como no caso da traumatoloxía a artroscopia, polo que a súa volta convertiranse a súa vez en formadores.
Tamén no caso de Anestesia e Reanimación o itinerario formativo afonda no manexo da dor, rotando na unidade decana a nivel nacional, así como o papel e técnicas dos anestesistas en quirófano, especialmente en intervencións de cirurxía pediátrica e neurocirurxía, especialidades deficitarias ata o momento, polo que a formación redunda na saúde dun gran número de persoas.
A colaboración ourensá conta xa cunha longa traxectoria nos proxectos de cooperación para a formación de especialistas e fornecemento dos sistemas de saúde, primeiro de Níxer e, desde 2021, tamén en Mozambique.
Fotos cedidas.