AutomobilismoDeportesÚltima hora

Máis de 150 inscritos no IV Rallye Comarca do Carballiño que se celebrará os días 26 e 27 de setembro

 

O Concello do Carballiño colabora na IV edición do Rallye Comarca do Carballiño, unha cita que xa está consolidada no calendario ourensán dos amantes do motor. A proba deportiva, que este ano supera os 150 inscritos, levarase a cabo esta fin de semana en Carballiño, Piñor, Cea, San Amaro, Leiro, Amoeiro e Maside.

O organizador do rallye, Jesús López Blanco, destacou na presentación do evento a elevada participación de vehículos, o que dá conta do interese cada vez maior dos condutores nesta proba. “O venres comezamos cun tramo espectáculo no Parque Municipal do Carballiño que esperamos que sexa do agrado do público”, detallou López Blanco. O sábado arranca cun tramo Piñor-Cea, seguido dun tramo en San Amaro, outro en Leiro e outro en Amoeiro-Maside. A última proba, xa pola noite, rematará na praza da Veracruz do Carballiño.

 

 

O alcalde en funcións, José Castro, destacou a importancia do rallye para o concello do Carballiño, xa que actúa como dinamizador económico e social e atrae a veciñanza doutras zonas da provincia e de Galicia. “Moitas grazas á organización polo traballo e esforzo, e esperemos que todo vaia ben e que o desfrutemos moito”, desexou Castro.

Jesús López Blanco animou á participación da cidadanía e instou a respectar as sinais e os espazos acotados para o público. “Pedimos que se respecten todas as indicacións para manter a seguridade dos condutores e das persoas que están vendo as probas”, apuntou.

A presentación tamén contou coa participación de Beatriz Fernández, directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en Ourense, o asesor de Política Deportiva da Deputación, Diego Enríquez Álvarez, e os alcaldes do resto de municipios da Comarca do Carballiño.

Back to top button