DeportesNatación

A nova promesa do CNPO, o ourensán Xandre Álvarez, dá o salto ao circuíto Ironman

 

O triatleta ourensán Xandre Álvarez, membro do Club Natación Pabellón Ourense (CNPO), afronta o treito decisivo dunha tempada na que xa deixou pegada no panorama nacional e internacional.

Tras a súa vitoria no Sines Triathlon (Portugal), onde chegou á T1 escapado xunto co olímpico en Río 2016 Miguel Arreos e acabou impoñéndose con solvencia, o xove deportista mira agora cara dúas grandes citas: o Campionato de España de Tríatlon de Media Distancia en Eivissa e o seu debut como profesional no IRONMAN
Cozumel (México).

Formado na canteira do CNPO e adestrando baixo a dirección de Pablo Dapena, Álvarez gañouse con resultados estar nas quinielas de calquera carreira nacional: 3º posto en Peñíscola, 4º no Campionato de España de Longa Distancia no seu debut e un meritorio 14º posto en Zarautz. “Unha traxectoria curta en número de probas, pero moi calculada en obxectivos, que reflicte a madurez competitiva do triatleta ourensán”, aseguran dende o club, destacando que o seu plan de tempada construíuse arredor de Cozumel. “É un Ironman que tiña anotado como imprescindible. Motívame o circuíto, o ambiente e o reto. O obxectivo
é baixar de oito horas, sei que é ambicioso pero véxoo posible”, asegura o propio Xandre.

 

 

Para iso, está a reforzar a súa preparación en ciclismo e realizando adestramentos específicos en calor, consciente de que a regulación do esforzo e a nutrición serán claves en México. A cita de Ibiza, o 2 de novembro, será ademais unha proba fundamental antes de afrontar o seu primeiro Ironman profesional. “En Sines arrisquei ritmos para probar sensacións e cheguei sorprendentemente ben en carreira a pé. Esa confianza é a que quero trasladar ás grandes competicións que veñen”, explica Álvarez.

A Desde o CNPO destacan con orgullo o salto competitivo de Xandre, que se converteu nun referente para as novas xeracións da escola de tríatlon do club. “A súa progresión é un exemplo de traballo, ambición e compromiso”, subliñan desde a directiva. Con Cozumel no horizonte e a vista posta en seguir medrando no tríatlon de longa distancia, Xandre Álvarez confirma que “está listo para moito máis”.

Back to top button