CD BarcoDeportesÚltima hora

Marcos e Manu (CD Barco); Josu e Rubén (CD Córgomo Vilamartín), na primeira selección de Ourense da historia

Esta tarde medirase ao RC Celta de Vigo, en Balaídos, no partido solidario "Xuntos contra o lume"

 

O Estadio Abanca Balaídos acollerá ás 20 horas o partido “Xuntos contra o Lume”, unha iniciativa solidaria que busca recaudar o máximo posible para afrontar proxectos de reforestación nas zonas máis afectadas na provincia de Ourense polos incendios do mes de agosto. Un partido moi especial no que a primeira selección de Ourense da historia xogará contra o RC Celta de Vigo.

Na presentación deste evento solidarioa, o vicepresidente da RFGF, José Manuel Fernández, exerceu de anfitrión dando as grazas ao RC Celta por poñer en marcha esta iniciativa xunto á UD Ourense, a propia Federación Galega e todos os clubs da provincia que se sumaron coa cesión de futbolistas: CD Arenteiro, UD Barbadás, CD Barco, CD Córgomo, Verín CF, Monterrey CF, Atlético Arteiro e UD Somozas.

Fernández fixo un chamamento a todos os ourensáns e a todos os galegos “a colaborar con esta iniciativa solidaria”, ben comprando entradas ao prezo de 10 euros ou mediante unha doazón vía bizum ou por transferencia a través de Abanca. Toda a información ao respecto da venda de entradas e da maneira de colaborar pode atoparse na web do RC Celta, https://rccelta.es/entradas/

O vicepresidente da RFGF tamén quixo agradecer de maneira especial a UD Ourense, Verín CF, CD Arenteiro e CD Barco, os catro equipos que xa iniciaran os trámites para un torneo solidario por “aceptar a proposta da RFGF e do RC Celta de sumar esforzos e unirse todos nun evento común co fin de conseguir o maior impacto posible e deste xeito acadar unha marea de solidariedade coas zonas máis afectadas polo lume deste verán”.

 

 

Dous clásicos do fútbol ourensán son os elixidos pola RFGF para dirixir a esta histórica Selección de Ourense, Mario Guede e Ramón Dacosta. Os dous amosaron a súa satisfacción e o orgullo que representa para eles “poder estar á fronte desta selección” e remarcaron as facilidades dadas “polos clubs e polos futbolistas para poder contar con eles”.

O aspecto deportivo é importante pero destacan sobre todo que “o máis importante é a vertente solidaria desta selección, a través da cal queremos axudar a conseguir o maior respaldo posible a esta iniciativa”. Dacosta indicou que “hai xogadores que querían estar pero non poden por estar con problemas físicos, pero a verdade é que atopamos moitas facilidades para confeccionar a selección” que está formada principalmente por xogadores de categoría nacional.

Na lista dos 25 convocados por Mario e Ramón hai catro xogadores de Valdeorras: Marcos Vilachá (defensa) e Manu Arias (medio) do CD Barco; e Josu (defensa) e Rubén García (medio) do CD Córgomo Vilamartín.

Back to top button