Na mañá deste sábado 11 de outubro inaugurábase en Santiago de Compostela a I Xornada Traxectoria e Vida da Academia Asomega, entidade que preside o médico trivés Julio Ancochea. Un acto no que interviña o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacando o compromiso da Asociación de Médicos Galegos (Asomega) con fomentar unha Medicina “excelente, humana e galega”.
Gómez Caamaño asegurou que Galicia “posúe un dos mellores sistemas sanitarios do mundo, como o acredita que é líder no coidado neonatal cos programas de cribado e vacinación máis completos e ambiciosos do Estado, ademais de estar á cabeza na protección cardíaca da poboación e ser referencia en materia de transplantes”. Xunto ao anterior, o tratamento que a sanidade pública galega presta á enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC) é recoñecido por profesionais e pacientes.

Entre as iniciativas máis ilusionantes en marcha do Executivo galego, o conselleiro destacou o proxecto Xenoma Galicia, que “sitúa á nosa comunidade ante unha oportunidade única para orientar as políticas sanitarias individuais e colectivas dende un valioso coñecemento científico da nosa saúde”.
Tamén puxo en valor o conselleiro o traballo de todos os profesionais implicados na folla de ruta destinada a fortalecer a atención primaria.
Para rematar a súa intervención, o máximo responsable do Sergas referiu que Asomega leva “máis de 30 anos impulsando a formación dos socios e promovendo sinerxías coas universidades galegas, ademais de organizar encontros mundiais de médicos e xornadas de formación”. Igualmente destacou a bolsa de medicina rural que cada ano premia un proxecto que contribúa a mellorar o sistema sanitario galego.