En portadaVídeos

Recepción dos voluntarios que esta fin de semana traballarán nos montes queimados de Valdeorras

 

O Albergue Municipal de Vilamartín de Valdeorras era o punto de encontro para a recepción dos voluntarios que, coordinados por ADEGA, traballarán esta fin de semana nos montes queimados de Valdeorras.

“En total somos unhas 75 persoas, entre o voluntariado que vén a executar as tarefas e o persoal coordinador, de diferentes zonas de Galicia. Por suposto hai voluntariado local, de Valdeorras pero tamén de Compostela, Pontevedra,…”, explicaba Ramsés Pérez, un dos coordinadore de ADEGA, na tarde deste venres 17 de outubro.

 

 

Era un dos encargados de recicibir á xente, explicando o programa e agradecendo a colaboración dos alcaldes dos cinco concellos implicados nesta acción de voluntariado ambiental (Petín, A Rúa, Vilamartín e O Barco) que tamén daban as grazas a ADEGA pola iniciativa. Tamén colabora O Bolo pero o alcalde non estaba hoxe.

 

 

A acción que levarán a cabo esta fin de semana está plantexada como un campo de voluntariado de fin de semana. “Hoxe é a recepción, presentación e instalación do personal con cea de convivencia; o sábado levaranse a cabo as tarefas propiamente ditas, de mantemento do chan para nas primeiras chuvias protexer as captacións de auga das diferentes vilas destes concellos; e xa o domingo centrarémonos en recoller sementes de árbores autótoctonas da zona (aciñeiras, sobreiras, carballos, rebolos, érbedos,…) para cando chegue o momento, de cara á primavera e verán, cando fagamos plantacións de árbores ter material”, explicou Ramsés, indicando que a xente repartirase entre os albergues de Vilamartín, da Rúa e do Barco. “Hai un grupo que irá á Veiga porque van traballar na zona do Diluvio en Trevinca”.

 

 

Dende ADEGA destacan a resposta da xente. “Chamaron máis de mil persoas ofrecéndose como voluntarias para realizar algunha acción para paliar os efectos do lume e unha forma de canalizar todas esas ofertas é vindo aquí, a un dos puntos 0, para realizar esta acción simultánea, tamén pola disposición dos alcaldes destes concellos e polo voluntariado que hai na zona, algo digno de agradecer”.

 

 

Con respecto á coordinación da acción haberá dous técnicos de ADEGA por cada unha das cinco zonas. En total somos dez, uns cun perfil máis técnico para os traballo de campo e outros máis orientado cara o voluntariado ambiental.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Back to top button