Seguindo coa programación de sendeirismo e actividades na natureza, o 28 de outubro a Afundación +60 Ourense desprazábase ata as proximidades de Taboada (Lugo) para gozar dunha agradable xornada percorrendo a curta, un pouco máis de 10 kms, pero moi lograda ruta da Embelesadora que ten o seu punto culmen nas marxes do encoro de Belesar coas ladeiras de viñedos nestes momentos cheas de colorido.
Discorre a ruta polas parroquias de San Miguel de Vilela e Santiago de Sobrecedo, dando comezo xunto á capela da igrexa de Vilela, cun primeiro tramo pola estrada local que leva ás aldeas de Bispo e Sisto para terminar penetrándose nun camiño ancho entre bosques de castiñeiros e carballos mesturados con zonas de pradería que conduce ás primeiras zonas de viñedos e adegas.

“O encoro de Belesar preséntase maxestoso cun nivel bastante baixo debido á pertinaz seca, as néboas que envolvían a contorna disipáronse, todo conxúrase para gozar dunhas perspectivas e unha contorna de ilusión que conforman o colorido dos viñedos e a grandiosidade do encoro. Descendemos cara á súa beira pola que iremos camiñando, debido ao escaso nivel das augas pódense ver as antigas adegas e os vellos viñedos alagados dispostos en socalcos. Así ata a altura do Castro de Candaz que se pode ver nítidamente e case cruzar a pé. Son os restos dun castro prerromano e posterior fortaleza medieval situado na desembocadura dos ríos Lama e Enviande no Miño”, explican os participantes na andaina.

Xa de volta, comezaban o camiño de retorno por unha pista de cemento con forte pendente deixando á esquerda a pequena Central Hidráulica Souto de Esteban. Unha vez deixada esta pista, a ruta vai discorrer por pistas de asfalto e antigos camiños de servizo das aldeas polas que logo irían pasando: A Fonte, A Touza, A Laxe, O Sestelo, Sobrecedo, Rioseco e Vilar ata finalizar o roteiro no punto de inicio.
Como punto final, celebrábase unha comida de confraternidade no Restaurante Berrello da Barrela, degustando entre outras viandas os seus famosos callos.
Fotos cedidas.
