SanidadeÚltima hora

O conselleiro de Sanidade di que o Servizo de Radioloxía do hospital do Barco se reforzará con máis profesionais e cun novo mamógrafo

Así o aseguraba Antonio Gómez Caamaño esta mañá na súa intervención no Parlamento de Galicia

Entrada principal do Hospital Público de Valdeorras, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Durante a súa comparecencia nesta mañá no Parlamento de Galicia, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou que o Servizo de Radioloxía do Hospital Público de Valdeorras se reforzará con máis profesionais e a adquisición dun novo mamógrafo. Comentaba que este hospital conta cun novo radiólogo que leva traballando desde o pasado mes de outubro, e coa expectativa de dotar este centro cun terceiro profesional nos vindeiros chamamentos.

Ademais, aseguraba que os orzamentos da Xunta para 2026 recollen unha partida de máis de 325.000 euros destinados á compra dun novo mamógrafo para o hospital valdeorrés. O conselleiro referiu que, como consecuencia do déficit de médicos de determinadas especialidades que padece toda España, durante uns meses deste ano só houbo un radiólogo no Barco de Valdeorras e, cando este profesional colleu vacacións, decidiuse realizar puntualmente os procesos en Ourense.

Esta decisión “buscou garantir que os procesos prioritarios se fixeran o antes posible, e as demais probas se reprogramasen no menor tempo, dándolle continuidade asistencial a todas as persoas que o precisasen nas súas probas radiodiagnósticas”, segundo o conselleiro

Como exemplo de que esta planificación tivo bos resultados, o conselleiro subliñou o incremento dun 4,39% na participación no Programa galego de detección precoz de cancro de mama, e destacando que as mamografías foron lidas e informadas en cinco días.

O conselleiro tamén subliñou que desde a Xunta seguiranse a buscar solucións a esta situación de falta de profesionais sanitarios, xestionando con eficacia a realidade e o día a día da sanidade pública.

 

Back to top button