PolíticaÚltima hora

Somos Quen, unha das tres candidaturas ao Consello das Mareas, preséntase en Ourense

Está liderada polo ex alcalde de Manzaneda e deputado autonómico, Davide Rodríguez
Membros da candidatura de Somos Quen, na presentación en Ourense.

No decurso dun encontro aberto vén de presentarse na tarde do 16 de xaneiro na cidade de Ourense a candidatura de Somos Quen, unha das tres que concorren ao proceso electoral que terá lugar na vindeira fin de semana para conformar o Consello das Mareas. Está encabezada por Davide Rodríguez, ex alcalde de Manzaneda e actual deputado no Parlamento de Galicia. El era precisamente o encargado de dar a coñecer neste acto as liñas principais desta lista.

Trátase dunha “candidatura plural, transversal e de base”, en palabras dos seus promotores, “queremos que En Marea sexa unha organización de esquerda nacional que sexa útil para o noso país. De adscrición individual e que supere a fórmula de coalición. Os pactos de cúpulas non poden ser a razón de ser dunha organización que cre firmemente en darlle voz ao pobo. Para iso plantexamos a creación inmediata de estruturas asembleares de base en comarcas e localidades. Que teñan autonomía plena”.

Asemade Davide Rodríguez matizaba que Luis Villares é “o noso único candidato a voceiro de En Marea e que a lista de Somos Quen o apoiará para a voceiría tanto explícita como implicitamente” e que sería “contraproducente establecer unha bicefalia na organización”.

Din que a lista de Somos Quen “é fiel reflexo do que propoñemos. Está composta por militantes de base, transversal, plural, por persoas de mareas espalladas por todo o largo do noso país. Pequenas,
medianas, grandes. Modesto Renda de Vilalba, Sonia Vidal de Xunqueira de Ambía, Xurxo Triñanes do Barbanza, Jorge Lorenzo de Laza, Marga López de Vigo, Aarón Franco e Sandra Pesqueira de Marín ou Felix Domínguez de Manzaneda xunto con compañeiros provintes do movemento asociativo, activismo social e do sindicalismo dan mostras da transversalidade”.

Neste encontro presentación participaban varios membros da candidatura, así como representantes de varias mareas pequenas da provincia de Ourense, membros de colectivos sociais xunto con xente de base que apoia a candidatura.

A lista completa de Somos Quen pode consultarse na seguinte ligazón:
https://osil.info/davide-rodriguez-de-manzaneda-lidera-unha-das-candidaturas-ao-consello-das-mareas/

Artigos relacionados

Back to top button