SanidadeÚltima hora

As consultas de Dermatoloxía do CHUO trasládanse ao edificio Santa María Nai

A nova área de consultas estará situada na planta soto do Edificio Santa María Nai xunto ás consultas de traumatoloxía que tamén renova e amplía a súa sala de espera

 

A partir do vindeiro luns as consultas externas do Servizo de dermatoloxía se reagrupan nunha nova área asistencial que estará situada no soto -1 do Edificio Santa María Nai xunto ás actuais consultas de traumatoloxía.

Este novo espazo ocupará unha superficie total de 570 metros cadrados e contará con seis consultas médicas, unha consulta de enfermaría, unha sala de curas, salas de fototerapia e fotodinamia e unha zona para almacén.

Ao mesmo tempo renovouse a antiga sala de espera de traumatoloxía que terá agora unha maior amplitude e un acceso polos dous corredores laterais, integrando dúas pantallas de quenda para consultas contando ademais con aseos adaptados. Este novo espazo dará servizo aos pacientes que agarden tanto para as consultas externas de traumatoloxía como para os de dermatoloxía.

O Servizo de Dermatoloxía do Hospital Universitario de Ourense conta na actualidade con seis facultativos, dous MIR (médicos internos residentes) e seis profesionais de enfermaría que   desenvolven un papel esencial na prevención, diagnóstico e tratamento das enfermidades da pel, o pelo e as uñas, así como no manexo das lesións de carácter tumoral, inflamatorio, infeccioso ou autoinmune.

Trátase dunha especialidade médica con alta demanda asistencial, cunha actividade diaria intensa tanto en consultas externas como en procedementos cirúrxicos e técnicas diagnósticas de precisión. Cómpre subliñar que durante o pasado ano 2025 atenderon máis de 22.000 consultas externas, preto de 400 intervencións cirúrxicas, máis de 1.100 procedementos de cirurxía maior ambulatoria ou 1.600 sesións de fototerapia.

Ademais a nova área que comezará a funcionar o vindeiro luns contará con novos espazos para salas de fototerapia e terapia fotodinámica que permitirán realizar técnicas avanzadas para o tratamento de múltiples enfermidades da pel cunha alta eficacia clínica e cun impacto directo na mellora da calidade de vida dos pacientes.

Back to top button