O Centro de Deportes Barco está pasando por un bo momento. Tras meses complicados o primeiro equipo atravesa un momento doce no camiño para loitar pola permanencia en Terceira Federación; o filial lidera a clasificación na Terceira Futgal rumbo ao ascenso; a base conta con máis nenos que nunca; e contan cun bo número de socios.
Así o explicaba o presidente do club, Nilo Ramos, na mañá deste martes 17 de marzo, para presentar a campaña “O noso futuro é a túa ilusión” coa que convidan aos nenos a un partido en Calabagueiros. “Será como unha xornada de portas abertas pero con xogos, agasallos e partido, en definitiva unha gran festa”, di Ramos, explicando que o partido elixido será o do domingo 22 de marzo contra a UD Barbadás a partir das 17 horas. “Que mellor que un derbi para encher o campo de xente”, dixo o presidente, agardando que os dous equipos poidan seguir na categoría.
O ano pasado a campaña levada a cabo coa colaboración do Concello do Barco, do CCA e dos patrocinadores “foi todo un éxito con máis de 3.000 persoas no campo” polo que repetirán o sistema. O convite é extensible a todos os nenos da comarca de Valdeorras e outros puntos como Viana, Manzaneda, Trives ou Puente de Domingo Flórez, que poderán acudir con dous adultos e, ademais de asistir ao partido e participar no sorteo de diferentes artigos (cada entrada é unha rifa) poderán desfrutar na zona de castelos inchábeis xigantes gratis. “Este ano teremos novidades como dianas xigantes para gañar premios”, dixo Nilo, destacando que a idea é acercar o fútbol ao público infantil.
Un obxectivo que destacaron tanto o presidente do CCA, Jacobo Arias como o alcalde, Aurentino Alonso. Nesta ocasión contan cunhas 5.000 entradas que os propios xogadores e directivos repartiron xa polos colexios, ademais das tendas do Barco vencelladas co deporte.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.