EconomíaEconomíaÚltima hora

Apetamcor di que “as medidas de apoio ao transporte non son suficientes para o sector”

A asociación advirte de que a "demora na súa aprobación e o seu alcance limitado non compensan as perdas sufridas polo sector dende o inicio da crise en Oriente Medio"

 

Despois da publicación no Boletín Oficial do Estado das medidas de apoio ao sector do transporte, incluídas no plan de resposta á crise en Oriente Medio, a Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (Apetamcor), vén de emitir un comunicado de prensa ao respecto desta cuestión.

“Dende Apetamcor, a asociación profesional máis representativa do transporte de mercadorías por estrada de Galicia, considérase que o paquete aprobado resulta insuficiente para facer fronte ao impacto real que esta situación está a ter sobre as empresas transportistas. O sector leva semanas soportando un forte incremento dos custos, especialmente no combustible, nun contexto de elevada incerteza e cunha repercusión directa sobre a viabilidade económica de moitas empresas. Por iso, en Apetamcor lamentan que as medidas anunciadas cheguen tarde, sexan limitadas e non dean unha resposta efectiva ás necesidades reais do transporte”, indica a entidade empresarial.

Así mesmo, apúntase que “dende as administracións públicas anunciáronse diversos contactos cos sectores implicados para traballar xuntos en medidas que puidesen solucionar algunhas das problemáticas xurdidas a partir da crise en Oriente Medio. Lamentablemente, moitas de esas medidas, incluso aquelas consideradas como razonables polas propias autoridades públicas encargadas do transporte, non se viron reflectidas no paquete de medidas publicado”.

Apetamcor considera que “os cambios publicados no Real Decreto-lei 7/2026, do 20 de marzo, conteñen unha serie de medidas que, lonxe de dotar de tranquilidade ao sector, achegan máis inseguridade e problemáticas para o propio sector. Entre os aspectos que máis preocupación xeran no sector figura a bonificación anunciada de 20 céntimos por litro, que en realidade substitúe temporalmente a bonificación de 4,9 céntimos por litro xa prevista na Lei 38/1992, do 28 de decembro, de impostos especiais. Isto supón que o apoio adicional real sexa de só 15,1 céntimos por litro, unha cantidade que Apetamcor considera claramente insuficiente dada a evolución dos custos”.

Ademais esta organización empresarial asegura que “as axudas recollidas no Real Decreto-lei 7/2026, do 20 de marzo, están condicionadas polos límites europeos en materia de axudas de Estado, o que pode restrinxir o seu alcance en determinadas empresas e xerar distorsións no acceso ás mesmas, especialmente entre as compañías de maior dimensión ou actividade máis intensiva. A isto súmase que non se contempla ningunha medida compensatoria polas semanas transcorridas sen apoio efectivo dende o inicio da crise. Esta demora na reacción administrativa deixa sen cobertura as perdas xa asumidas por milleiros de empresas durante este período, sendo un grave risco para a viablidade das mesmas”.

Neste senso, Apetamcor reclama ás administracións públicas “a posta en marcha de medidas complementarias, máis ambiciosas e mellor adaptadas á realidade do transporte de mercadorías por estrada”. A asociación insiste en que o sector precisa “respostas urxentes, claridade normativa e instrumentos eficaces que permitan compensar as perdas sufridas e garantir a continuidade da actividade nun contexto especialmente complexo para o conxunto da cadea loxística e produtiva”.

Back to top button