EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O V Concurso de Cata por parellas Concello de Sober xa ten ganadores

 

Neste 24 de marzo tiña lugar no Centro Cultural de Sober o V Concurso de Cata por parellas, unha das actividades enmarcadas dentro do Mes do Amandi, organizado pola Fundación Belarmino Fernández Iglesias e o Concello de Sober. Os participantes foron recibidos pola organización e, tras a presentación do concurso, estiveron catando no túnel do viño as 32 referencias que podían formar parte de cata.

Unha vez comezado oficialmente o concurso o participantes tiveron que diferenciar dez dos viños seleccionados polo xurado, que estaba composto por Emilio Blanco Tilves (ex alumno que cursou o Ciclo Formativo de Grao Superior de Vitivinicultura que impartimos no Centro, premio extraordinario a nivel galego do Ciclo Superior da familia profesional de Industrias alimentarias e que na actualidade é Técnico de adega e viñedo en Finca Míllara) e Isadora Calaca Souza (ex alumna do Ciclo Formativo de Grao Medio de Servizos en restauración) indicando tipo de uva, tipo de crianza (xove ou barrica), anada e Adega.

 

 

Unha vez finalizada a cata e tras o reconto das puntuacións, houbo que facer un desempate para saber quen acadaba o segundo posto. Procedeuse ao nomeamento das dúas parellas gañadoras nas instalacións da Fundación Belarmino Fernández Iglesias resultando:

– No segundo posto: Emilia Sandra Macía González e Pablo González Gómez, propietarios da Adega EDV Viticultores, recibiron un lote de viño da Adega Algueira.

 

 

– No primeiro posto: Iago Groba Caride e Maximino Castelo Alonso, alumnos do primeiro curso do Ciclo Formativo de Grao Superior de Vitivinicultura do CIFP de A Granxa en Ponteareas, recibiron outro lote de viño da Adega Algueira.

 

 

Ambos premios foron entregados polos xuíces. O resto de agasallo (que  consisten en: 1ª Parella Clasificada: Comida/cea no Restaurante Berso en Sober e trofeo acreditativo de cerámica de Gundivós; 2ª Parella Clasificada: Ruta en quad coa empresa Sacra Aventuras e trofeo acreditativo de Cerámica de Gundivós) serán entregados no recinto ferial da XLVI Feira do Viño de Amandi o vindeiro domingo 29 de marzo ás 13:30 horas durante a entrega de premios da Cata oficial dos Viños de Amandi.

Ao remate do concurso, nas instalacións da Escola de Hostalería e Vitivinicultura Belarmino Fernández Iglesias, o alumnado do Ciclo Formativo de Grao Medio de Servizos en restauración serviu uns aperitivos elaborados polos estudantes do Ciclo Formativo de Grao Medio de Cociña e gastronomía.

O aperitivo consistiu nun Saam de ensalada César; Croquetas; Filloa de grelo e codillo con espuma de bechamel; Ovo, pataca e chourizo, como pratos salgados e, os pratos doces, foron Tiramisú e Bica de nata. Todo maridado con viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Fotos cedidas.

 

Back to top button