
A XLVI Feira do Viño de Amandi, en Sober, chegaba neste domingo 29 de marzo a súa xornada central, co acto do pregón no mediodía, a cargo nesta ocasión do chef Rafa Centeno. O cociñeiro recoñeceuse emocionado por ser elixido para pronunciar o pregón e asegurou que na mesa nunca está só, “porque sempre hai algo que acompaña, que eleva, que fala. E ese algo son os vosos viños”. E reivindicábaos como “unha maneira de vivir e ede entender o mundo”.
Uns viños que asegurou, “falan de tradición, de historia, de cultura, de identidade e dunha maneira de vivir e entender o mundo”. “É por iso que alá onde vain sorprenden, emocionan, deixan pegada”, destacou. “Viva o viño de Amandi! Viva Sober!”.

Pola súa banda, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, tivo palabras de recoñecemento para o pregoeiro desta edición, de quen destacou o seu vínculo co municipio, sinalando que é “noso con maiúsculas” pola súa relación con Sober e polo logro de ter conseguido a primeira Estrella Michelin para a provincia de Lugo.
No seu discurso agradeceu tamén a asistencia de quen se achega cada ano á Feira do Viño de Amandi e o esforzo de todos os que fan posible esta celebración. “Estamos aquí, un ano máis, para degustar a última colleita, máis curta do habitual en cantidade pero sobresaínte en calidade. E con esta feira queremos que a nova colleita sexa tamén frutífera en amizades e, como non, en recompensas ao esforzo de todo un ano”, sinalou.

O rexedor referiuse tamén á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade: “En catro meses o Comité de Patrimonio Mundial da Unesco decidirá se a Ribeira Sacra é Patrimonio da Humanidade. Vai selo”. “É o resultado dun traballo magnífico elaborado pola Consellería de Cultura a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e avalado polo Ministerio de Cultura e pola embaixada de España ante a Unesco”, destacou, subliñando ademais que se trata “da única candidatura que presenta España nos últimos tres anos”.

Fernández Guitián lembrou tamén que é “unha candidatura de todas e todos” e puxo en valor “o traballo secular dos viticultores e adegueiros de Amandi e de toda a Ribeira Sacra no mantemento desta paisaxe de soño”.
Nesta xornada tamén se facía entrega dos galardóns da cata o oficial desta edición da Feira do Viño de Amandi.

Os viños gañadores desta edición son:
Tinto xove (son os tres gañadores):
• Cruceiro Mencía 2025 de Adega Cruceiro
• Don Bernardino Mencía 2025 de Adega Don Bernardino
• Romeo Domain 2025 de Adega Gullufre
Mellor branco xoven:
Cruceiro Rexio Godello 25 de Adega Cruceiro
Mellor rosado xove:
Priscillus Rosado 2025 de Adega A Man de Prado
Mellor tinto barrica:
Adega Parcela Carballo Cobo 2021 de Adega Algueira
Mellor viño doutras colleitas:
Cividade Mencía 2024 de Adega Cividade
Todos eles levaron un diploma e unha peza de Gundivós.
O Concello homenaxeado este ano foi o de Ribas de Sil. O seu alcalde, Roberto Castro, recibiu un agasallo institucional de mans do rexedor soberino.