
A casa de Repil (San Xoán de Chavaga, concello de Monforte de Lemos), que entre 1947 e 1949 fora acubillo dun destacamento da guerrilla antifranquista, supón un antes e un despois na actividade arqueolóxica vinculada a este fenómeno no conxunto da Península Ibérica. Ese refuxio víase rodeado pola Garda Civil o 20 de abril de 1949. Os guerrilleiros resultaban tiroteados e a familia propietaria da casa, detida. Este lugar convertíase no 2016 en escenario da primeira escavación arqueolóxica científica nun contexto de combate da guerrilla antifraquista na Península Ibérica. “Foi unha iniciativa pioneira que inspirou outros proxectos como o de Cambedo da Raia (Portugal) ou o da Cidade da Selva en Valdeorras”, destaca o arqueólogo Xurxo Ayán, impulsor da intervención, cando se cumpre unha década do seu inicio.
O desenvolvemento desa actuación concorría no tempo coa aprobación da nova Lei de Patrimonio Cultural en Galicia e coa nova Lei de Memoria Democrática no ano 2022. “Esa arqueoloxía que fixemos en Repil foi acompañando e incluso incentivando estes cambios legais, e promocionando un proxecto tanto de memorialización como de patrimonialización. É dicir, cando chegamos alí no 2016 o marco legal aínda non consideraba Repil un xacemento arqueolóxico”, prosegue Ayán.
No marco do aniversario deste proxecto e tamén da conmeroración da data os feitos acontecidos en Repil, este lugar será escenario o vindeiro sábado 18 de abril dunha homenaxe aos guerrilleiros abatidos alí, que se complementará coa presentación do libro “Repil 20 de abril de 1949” (Edicións Positivas), un ensaio colectivo editado por Xurxo Ayán e Olga Novo, e cun balance da década de traballos vinculados ao que hoxe son as ruinas daquela casa que servía de refuxio á guerrilla.

Homenaxe e presentación do libro
Así vindeiro 18 de abril lembraranse os feitos daquel combate do 20 de abril en Repil entre as súas ruínas, nun espazo que se atopa no límite co Concello da Pobra do Brollón, ao que pertenceu no pasado. “Esta homenaxe é unha iniciativa particular de Antonio Díaz Amaro, que é o neto de Teresa López Ayán, a dona da casa que hoxe está en ruinas”, explica Ayán. Ademais prevese contar coa presenza das netas do líder do destacamento, Evaristo González Rocesvinto, e tamén o afillado-sobriño de Fermín Gutiérrez, alias Segura.
“Para arroupar a Antonio, ao meu equipo arqueolóxico e achegados aproveitamos para participar nesta homenaxe e para conversar co público e facer unha nova presentación do libro “Repil 20 de abril de 1949”. Son máis de 300 páxinas dun traballo no que se entrelazan “Ciencia Cidadá,. Historia Pública, Arqueoloxía Comunitaria e Arqueopoética”.
O público que se achegue ata Repil poderá compartir conversas con varios dos autores e autoras desta obra, xa que se contará coa presenza de Luis Antonio Ruiz Casero, doutor pola Universidade Complutense de Madrid, abordará os precedentes da guerrilla; Mario Bueno Aguado pola Universidade Autónoma de Madrid, tamén doutor, quen afondará nas manifestacións escritas deste destacamento, de como empregaban a escritura e os labores de propaganda mentres estiveron aloxados nesa casa; mentres que Olga Novo porá o foco na figura das mulleres nestes feitos.
Outro dos participantes será Santiago Macías, un dos coñecedores máis profundos da guerrilla no noroeste da península e cofundador a ARMH no ano 2000, quen se centrará na investigación desenvolvida no último ano “e que nos permitiu demostrar documentalmente e localizar mesmo que foi do delator da familia e o causante directo desa traxedia”, adianta Ayán, que será outro dos relatores, como representante da Asociación María Castaña de Cereixa (A Pobra do Brollón), que é a entidade que promoveu todas estas investigacións e proxectos dende o ano 2016.

Repil, un Lugar de Memoria
Ademais, os investigadores aproveitarán para realizar un balance da década de labor científica en Repil, e da intensa actividade ligada a este lugar: presentacións, publicacións científicas, participación en congresos, cinco xornadas guerrilleiras, unha monografía…
Un balance, ademais, coa mirada posta no futuro xa que se está a traballar nunha proposta para que a “Casa dos Guerrilleiros” sexa recoñecida e catalogada como un Lugar de Memoria, seguindo o proceso que se recolle na Lei de Memoria Democrática. “Imos iniciar todo o procedemento para que sexa incluído dentro do Catálogo Oficial do Estado Español e iso permitirá alomenos garantir a conservación e a protección deste sitio”.
Este acto rematará cunha petiscada para os asistentes e tamén servirá recadar a colaboraión da xente que queira colaborar co proxecto, co fin de mantelo vivo e continuar investigando.
Fotos cedidas.