ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

Río avanza na activación dos soutos cun encontro participativo do proxecto SoutoLab

O Concello de San Xoán de Río acollía o 14 de abril na Casa Azul unha xornada de traballo do proxecto SoutoLab, na que participaron máis dunha quincena de persoas entre veciñanza e profesionais do territorio. “A sesión servía como primeiro encontro de diagnóstico, centrado en identificar os distintos soutos existentes no municipio, así como o seu valor patrimonial. Ademais, permitiu recoller unha primeira análise compartida sobre prioridades e necesidades, a partir das achegas directas das persoas asistentes”, tal e como informa o alcalde de Río, Xosé Miguel Pérez.

Durante a reunión abordábanse cuestións clave como o estado actual dos soutos, o seu potencial produtivo e as oportunidades vinculadas á castaña e ao desenvolvemento rural. O elevado interese xerado fixo que a xornada, prevista inicialmente para dúas horas, se prolongase durante máis de dúas horas e media, evidenciando o compromiso e implicación da xente participante.

 

 

Desde o Concello de Río valórase o encontro como moi positivo e produtivo, destacando o carácter participativo e a calidade das achegas realizadas. Este primeiro paso marca o inicio dun proceso de traballo que continuará nas vindeiras semanas coa definición de novas accións dentro do proxecto.

“San Xoán de Río reafírmase así como un territorio activo na procura de novos modelos de desenvolvemento rural baseados nos seus propios recursos”, indica o seu rexedor.

Fotos cedidas.

 

Back to top button