EconomíaEconomíaÚltima hora

60 restaurantes do xeodestino Ribeiro O Carballiño incorporarán ás súas cartas receitas tradicionais das Sabedoras

 

A igrexa da Magdalena, en pleno corazón do barrio xudeu de Ribadavia, acollía esta fin de semana o acto de presentación dos extraordinarios avances do proxecto “Sabedoras: Cociñas e cociñeiras memorables do Ribeiro-Carballiño”, organizado polo Xeodestino Ribeiro-O Carballiño no marco do seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD).

“Cando apenas levan transcorridos cinco meses dende a presentación do proxecto Sabedoras en Xantar, sesenta restaurantes e mesóns de todos os recunchos do xeodestino xa se adheriron ao compromiso de incorporar nas súas cartas unha ou varias receitas tradicionais das Sabedoras. Unhas mulleres memorables que merecen ser recoñecidas e valoradas pois coa súa cociña e as súas receitas conseguiron manter viva a nosa gastronomía e as nosas tradicións, polo que son un auténtico sinal de identidade deste territorio”, sinalou o presidente do Xeodestino Ribeiro-O Carballiño, Francisco Fernández, quen amosou a súa satisfacción “pola incorporación hoxe de tres novas sabedoras, que serán homenaxeadas como merecen”.

 

 

Tres novas sabedoras

Estas tres novas incorporacións son: Carmen Sampedro Fernández, de Avión; Cándida Fidalgo Hermida, de Ribadavia; e Toñita Somoza González “Tona”, de San Amaro. As tres recibiron os seus correspondentes diplomas acreditativos da condición de “Sabedoras” da man dos alcaldes das súas respectivas localidades: Antonio Montero (Avión), César Fernández (Ribadavia) e Fernando Rodríguez (San Amaro). Antonio Montero asegurou que Carmen Sampedro “representa a toda unha xeración de mulleres que, con esforzo silencioso e constancia, fixeron posible que Avión siga sendo o que é hoxe. En cada fornada, en cada día de traballo, deixou unha pegada de saber facer, dignidade e amor polo seu oficio. Hoxe non só recoñecemos unha profesión, senón unha vida enteira de entrega aos demais”.

Porque estas mulleres son un exemplo para todos e merecen o noso respecto, admiración e gratitude, como coincidiu o alcalde de Ribadavia. César Fernández aproveitou tamén para destacar a interesante relación que se abre entre Sabedoras e o proxecto Vilas Vivas, que persigue dinamizar o centro histórico coa rehabilitación de locais destinados a manter os produtos tradicionais como un atractivo máis do territorio.

 

 

Sesenta establecementos hostaleiros

Acto seguido, as miradas volvéronse cara outro dos obxectivos iniciais do proxecto: conseguir que restaurantes e mesóns do xeodestino incorporen unha ou varias destas receitas tradicionais das Sabedoras ás súas cartas. En tan so cinco meses, o Xeodestino Ribeiro-O Carballiño logrou o compromiso de sesenta establecementos hostaleiros. Algúns deles estaban presentes na Igrexa da Magdalena, polo que se lles fixo entrega de guías coas receitas das Sabedoras e uns mapas turísticos deseñados para a ocasión. Ademais, recibiron uns diplomas que certifican o seu apoio ao proxecto Sabedoras, así como distintivos para colocar no exterior dos seus establecementos. Deste xeito, os clientes saberán recoñecer a todos os restaurantes que se sumaron a esta homenaxe que conecta os antigos fogóns coas mesas actuais e saberán onde poden degustar esa cociña tradicional, un saber e un sabor que viaxaron durante séculos, de avoas a nais e de nais a fillas.

Entre os locais presentes figuraban moitos de Ribadavia: (O Morto, Bar Caracas, Gastrobar 94, O Pucheiro, Ribeiro e Xamón, Marilagar, Restaurante Plaza, A Quinza, Kumano Prexigueiro e A Loureira do Miño); de Cenlle (o Pazo de Toubes); de Arnoia (A Lareira); de Cortegada (Madre Auga); de Castrelo de Miño (o Náutico de Castrelo); de Avión (Casa Valderías y Teleclub el Mexicano); e de Beariz (O Moustro). O resto de establecementos hostaleiros recibirán a súa homenaxe nunha próxima reunión que terá lugar en O Carballiño por manter vivo este legado de sabedoría e afecto a través das receitas das Sabedoras.

 

 

“Sabedoras: Cociñas e cociñeiras memorables do Ribeiro-Carballiño”

Trátase dun proxecto de investigación antropolóxica centrada na cociña tradicional do xeodestino e nas súas valedoras, as mulleres cociñeiras do rural, desenvolto polo Xeodestino Ribeiro-O Carballiño, no marco do seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD).

O proxecto conta coa colaboración dos 21 concellos que conforman o xeodestino: Arnoia, Avión, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Irixo, Leiro, Maside, Melón, Padrenda, Piñor, Pontedeva, Ribadavia, Punxín, San Amaro e San Cristobo de Cea.

Back to top button