En portadaÚltima horaVídeos

Os menores de 16 anos poden beneficiarse de importantes descontos en saúde visual

O subdelegado visitou a Óptica Jaled na Rúa, onde ratificou o éxito deste programa de axudas de ata 100 euros

 

Na mañá deste venres 24 de abril o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitaba a óptica Jaled da Rúa, adherida ao Plan VEO, onde destacou a boa acollida que está a ter este programa de axudas do Ministerio de Sanidade para garantir a saúde visual da infancia, que xa conta con máis de 1.500 nenos e nenas beneficiados na provincia de Ourense.

O subdelegado explicou que o Plan VEO busca financiar a adquisición de sistemas de axuda visual cunha axuda de 100 euros ao ano e está dirixido a todas as persoas menores de idade ata os 16 anos. “O Goberno ponse unha vez máis ao carón das familias co financiamento dun gasto esencial que supón un esforzo económico para moitas persoas”, remarcou.

 

 

Eladio Santos concretou que en Ourense rexistráronse ata marzo un total de 1.545 solicitantes de solucións visuais (400 máis que no mes de febreiro), con 51 ópticas adheridas ao Plan VEO na provincia. Ademais, Galicia é a comunidade autónoma que lidera a implantación do programa en toda España. “Estes datos reflicten que o Goberno aplica políticas útiles que chegan directamente ás familias e melloran a calidade de vida dos nenos e as nenas”, apuntou.

 

 

Por iso, o subdelegado animou ás familias de Valdeorras a seguir beneficiándose deste programa, xa que na comarca hai catro ópticas adheridas, tres no Barco de Valdeorras e unha na Rúa. “Iniciativas como esta reforzan a rede de ópticas e o comercio de proximidade en todo o territorio, pois chegan a municipios pequenos e cidades grandes”, sinalou.

Finalmente, Eladio Santos agradeceu a implicación dos profesionais do sector óptico, fundamentais para o desenvolvemento do programa, destacando a colaboración co Consello Xeral de Colexios de Ópticos-Optometristas para achegar a administración á cidadanía e garantir que as axudas cheguen de maneira efectiva ás familias.

 

 

Pola súa banda, o responsable a óptica, Yusef Khaled, asegurou que as axudas son para todos os produtos, dende as monturas de sol e graduadas, ata os cristais, lentes de contacto e graduacións, destacando que nos primeiros meses do ano tiveron moitas solicitudes pero aínda hai moita xente que descoñece o plan, convidando aos clientes a  informarse.

 

 

A solicitude pode realizarse directamente nas ópticas participantes, o que facilita o acceso a este recurso. O Plan VEO conta cun orzamento de 48 millóns de euros e estará activo ata o 31 de decembro de 2026.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button