
O Hospital Universitario de Ourense súmase á conmemoración do Día Mundial da Asma, mañá martes 5 de maio, que este ano se celebra baixo o lema “A asma NON é un xogo” e que pon o foco na importancia de mellorar o control da enfermidade, reforzar a educación sanitaria e facilitar unha atención especializada aos pacientes con formas moderadas ou graves.
O Hospital Universitario de Ourense conta cunha unidade de asma acreditada pola Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica, que desde 2022 atende ao redor de 300 casos ao ano. Na Unidade traballan dúas pneumólogas e unha enfermeira especializada, que ten un papel moi destacado na formación e acompañamento dos pacientes.
Esta unidade está orientada especialmente á atención de persoas con asma moderada ou grave, nas que os tratamentos inhalados a doses altas non permiten acadar un control adecuado da enfermidade nin unha boa calidade de vida. Nestes casos, a incorporación de terapias biolóxicas está a abrir novas posibilidades asistenciais, con resultados que os profesionais cualifican como prometedores.
Tratamentos dirixidos á base inflamatoria da enfermidade
Na actualidade, 155 pacientes de Ourense reciben tratamentos biolóxicos para o asma. Trátase de anticorpos monoclonais administrados mediante inxección subcutánea, cunha periodicidade que pode variar entre quince días, un mes ou dous meses, segundo cada caso.
Estes fármacos actúan sobre mecanismos concretos da inflamación implicada no asma e permiten reducir as crises, as visitas a urxencias e a necesidade de ciclos repetidos de corticoides. As primeiras doses adminístranse na propia unidade, con período de observación, e posteriormente moitos pacientes poden continuar coa autoadministración, ao tratarse de medicamentos de dispensación hospitalaria.
Segundo explica a doutora Coral González, responsable da Unidade de Asna, a evolución destes tratamentos nos últimos anos permite ser optimistas, tanto pola resposta observada nos pacientes como pola chegada progresiva de novas opcións terapéuticas.

Educación sanitaria, comunicación e seguimento
A unidade de Ourense da especial importancia á información, á educación sanitaria e á comunicación cos pacientes, incluíndo un teléfono de contacto para resolver incidencias e mellorar o seguimento, xa que a atención ao asma grave non se limita ao tratamento farmacolóxico.
Nesta liña, a enfermaría especializada ten un papel fundamental neste proceso, tanto na formación sobre o uso correcto dos dispositivos inhalados, como na identificación de síntomas de alarma, a adherencia ao tratamento e as recomendacións de estilo de vida. O obxectivo é que cada paciente coñeza mellor a súa enfermidade e saiba actuar ante posibles empeoramentos, evitando descompensacións e consultas urxentes sempre que sexa posible.
Malia os avances terapéuticos, aínda existen pacientes con falta de control da enfermidade, polo que é necesario insistir na formación, no seguimento clínico e na responsabilidade compartida entre profesionais e pacientes.
Unha atención especializada e conectada coa rede galega
As unidades acreditadas de asma existentes en Galicia permiten avanzar na subespecialización, na actualización continua dos profesionais e na mellora da calidade asistencial. Ademais, facilitan a participación en proxectos de investigación e a configuración dunha rede de expertos na atención a esta patoloxía.
No caso de Ourense, a unidade tamén atende situacións específicas, como o asma durante o embarazo, o asma de orixe ocupacional ou o asociado á práctica deportiva, adaptando a valoración e o tratamento ás necesidades de cada paciente.
