
En Ciutadella comezaba o 1 de maio unha nova edición da Menorca Trail Camí de Cavalls, considerada unha das competicións máis esixentes e prestixiosas do calendario nacional de ultradistancia. Cun percorrido de 185 quilómetros e preto de 4.000 metros de desnivel positivo, a cita volvía poñer a proba a resistencia física e mental dos participantes.
Entre eles, destacaba a presenza do atleta barquense Jonatan Anta, do Club Peña Trevinca, quen logrou completar a proba no posto 90 entre os preto de 400 corredores que tomaron a saída. Máis aló da clasificación, o seu resultado cobra especial valor nunha competición que rexistra cada ano preto dun 40-50% de abandonos.
“É unha proba de gran esixencia física e mental, capaz de levarte ao límite da desesperación”, explicaba o propio Anta. “A saída tivo lugar ás 15.30 horas, cun clima caloroso e moi húmido. O percorrido alterna carreiros empedrados de difícil pisada pola costa menorquina, tramos de asfalto e de praia, nun continuo sobe e baixa que castiga moito as pernas, aínda que o ánimo do público axuda a soportalo».
Anta subliñaba tamén a dureza do tramo nocturno xa que, “coa chegada da noite, hai que xestionar a soidade do percorrido sen perder a concentración ata o amencer. A media mañá do segundo día, a calor castigaba de novo”». A partir do quilómetro 65, as ampolas nos pés, a deshidratación e a dor provocada por unha caída comezaron a pasar factura. “O chip cambiou por completo; como trotar era case imposible, armeime de paciencia e decidín terminar a proba custase o que custase”, engadía. Finalmente, cruzou a meta en Ciutadella xa entrada a noite do sábado.
En canto á clasificación xeral, o vencedor foi por segundo ano consecutivo Pablo Ibáñez, quen ademais estableceu unha nova marca da proba cun tempo de 18 horas e 9 minutos. Completaron o podio Albert Martínez e Xavi Vilallonga.
Anta quixo poñer en valor a experiencia de compartir saída coa elite do ultratrail. “Estar na liña de saída xunto a algúns dos mellores corredores de resistencia, saudalos e intercambiar impresións, supón unha motivación enorme. Na miña opinión, os tempos que conseguen desafian calquera lóxica física”.
Finalmente o valdeorrés referíase ao apoio recibido durante a súa preparación. “Á miña idade e co meu nivel de amateur, desfruto especialmente destes momentos e afróntoos con agradecemento cara á miña familia e o meu adestrador, Javier Pons. Ademais, desde que regresamos hai uns meses ao Barco de Valdeorras, tiven a sorte de adestrar co “Grupo de Los Degollados”, percorrendo os esixentes e belos montes da comarca, o que supuxo un gran impulso na miña preparación para este tipo de desafios”.
Fotos cedidas.