SanidadeÚltima hora

A área sanitaria ourensá despide a 17 residentes de enfermaría que rematan a súa formación como especialistas

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras celebrou hoxe, no Salón de Actos Cabaleiro Goás do Hospital Universitario de Ourense, o acto de clausura da formación posgrao das e dos dezasete novos especialistas en enfermería pediátrica, obstétrico-xinecolóxica, de Saúde Mental, e Familiar e Comunitaria, que completaron este curso a súa etapa formativa, vía EIR, nos centros sanitarios da provincia.

A formación sanitaria especializada de Enfermaría, EIR, é a vía de acceso ás especialidades enfermeiras mediante unha proba estatal anual, común para todo o Sistema Nacional de Saúde, que permite acceder a unha praza formativa remunerada en réxime de residencia. Durante este período de dous anos, os residentes completan un itinerario práctico nas unidades docentes hospitalarias e de atención primaria acreditados, baixo a supervisión de titoras e titores.

Por especialidades este ano remataron en Ourense 2 novos especialistas en Enfermería Pediátrica, 2 en Enfermería Obstétrico-Xinecolóxica (matronas), 6 en Enfermería de Saúde Mental e 7 en Enfermaría Familiar e Comunitaria.

Dos 17 novos especialistas que rematan este ano, 12 continuarán traballando na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, o que reforza a capacidade da área para fidelizar profesionais formados nos seus propios dispositivos docentes. En concreto, a totalidade das e dos especialistas de Enfermaría Familiar e Comunitaria e de Enfermaría Obstétrico-Xinecolóxica.

O acto incluíu a intervención de representantes das distintas especialidades, a entrega das certificacións e dos Premios de Investigación Ana López, dirixidos ás e aos EIR de Atención Familiar e Comunitaria. Como lembranza desta etapa recibiron un pin de prata, creado polo escultor Manuel Buciños, chamado “Unha ponte cara á saúde”, e concibida como símbolo do esforzo, unión e compromiso coa atención sanitaria.

Todos os especialistas de familia continuarán en Ourense

Durante a súa intervención, Verónica Civeira, subdirectora de Enfermería de Atención Primaria, trasladou ás e aos novos especialistas os mellores desexos e puxo en valor a especialización dos coidados, desexándolles que poidan desenvolver a súa carreira no ámbito no que se formaron. “O mellor que vos podo desexar é que poidades traballar sempre na vosa especialidade, e que o fagades con profesionalidade, pero tamén con empatía e sensibilidade”, afirmou.

Nesta liña, subliñou o compromiso da Área de Ourense coa especialización enfermeira, destacando que os sete profesionais que rematan este ano a especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria, continurán vinculados á Atención Primaria de Ourense. “Grazas por quedar con nós, grazas por seguir elixindo a Atención Primaria de Ourense para desenvolver o voso labor como especialistas”, destacou.

 

Premio Ana López a investigación.

 

A especialización enfermeira nun sistema sanitario máis complexo

Pola súa banda, o director de Asistencia Sanitaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e de Valdeorras, Eloy Sánchez, destacou a importancia da especialización enfermeira nun contexto asistencial cada vez máis complexo, no que o papel dos titores e titoras é esencial, así como a rede de profesionais que acompañan aos residentes durante o seu período formativo.

Sánchez subliñou que a evolución dos procesos asistenciais, o incremento da cronicidade e a maior complexidade clínica fan imprescindible contar con profesionais de enfermaría. Neste sentido, afirmou que “a especialización enfermeira é unha garantía de calidade para a nosa Área Sanitaria, que precisa profesionais cada vez máis preparados, autónomos e capaces de liderar os coidados” agradecendo o papel dos titores e dos propios residentes pola súa implicación.

Ourense como escenario formativo privilexiado

De cara a próxima elección dos novos especialistas, o presidente da Subcomisión EIR de Atención Familiar e Comunitaria, José Manuel Álvarez Pena, pon o foco nas vantaxes que ofrece a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras para a formación das e dos residentes de Enfermaría.

Álvarez Pena pon en valor algunhas características propias da área sanitaria, como a combinación de centros situados tanto en contornas urbanas como rurais, o que facilita a visión da diversidade na atención sanitaria, ademais do perfil demográfico da provincia, marcado polo envellecemento da poboación, o que representa unha oportunidade formativa de primeiro nivel, para afondar no coñecemento das necesidades dos pacientes de maior idade, un contexto que se estende progresivamente ao conxunto de España.

“Ourense permite prepararse hoxe para un dos grandes retos asistenciais do futuro: o envellecemento da poboación e a necesidade de coidados continuados, próximos e comunitarios”, afirmou. Neste aspecto destaca o liderado de Ourense nas accións comunitaria, non só en Atención Primaria senón tamén en Pediatría e Obstetricia ou Saúde Mental, ou a dispoñibilidade de programas pioneiros como a Unidade de Prevención do Suicidio.

Back to top button