EconomíaEconomíaÚltima hora

A CEO pide unha “resposta integral e coordinada” fronte ao absentismo e a escaseza de man de obra

David Martínez, presidente da CEO, presentaba esta mañá as conclusións do Observatorio sobre Capital Humano no transcurso dun almorzo informativo

 

O presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), David Martínez, presentaba esta mañá, nun almorzo informativo cos medios de comunicación, as principais conclusións do informe do I Observatorio sobre Capital Humano, desenvolvido o pasado 9 de abril co foco posto no absentismo laboral e a escaseza de man de obra. Acompañáronlle nesta análise Pablo Fernández, secretario xeral de Emprego, e Marta Vázquez directora territorial da Consellería de Emprego na provincia.

O documento conclúe que ambos os fenómenos – absentismo e escaseza de man de obra- consolidáronse como problemas estruturais do sistema produtivo, estreitamente relacionados entre si e cun impacto directo na competitividade empresarial. En particular, advirte de que o crecemento do absentismo está vinculado principalmente o aumento da duración das baixas laborais, máis que á súa incidencia.

Os datos indican que, en Galicia, o absentismo drena 2.268 millóns de euros anuais (o 3% do PIB) e que cada día 1.117 galegos non poden acudir aos seus postos. En canto a Ourense, as baixas teñen unha media de 68,3 días, e o absentismo unha taxa de 5,79%, o que sitúa á provincia nunha posición de desvantaxe competitiva fronte ao resto de España. A isto hai que sumar a escaseza de man de obra en moitos sectores, coa lousa, o granito ou o comercio perdendo capacidade produtiva por non poder cubrir vacantes de longa duración.

David Martínez destacou que, neste contexto, a coincidencia de ausencias prolongadas coa dificultade para cubrir postos de traballo está a xerar unha perda sostida de capacidade operativa nas empresas, afectando á súa organización interna, incrementando a carga de traballo e limitando tanto a actividade diaria como as posibilidades de crecemento.

O informe tamén sinala disfuncións no sistema de xestión da incapacidade temporal, derivadas da falta de coordinación entre os distintos actores implicados —sistema sanitario, Seguridade Social, mutuas e empresas— e da rixidez dos procedementos, o que contribúe a alongar os procesos de baixa e a xerar ineficiencias.

A isto hai que engadirlle, segundo o estudo, o problema da escaseza de perfís cualificados para determinadas ocupacións e o desaxuste crecente entre a oferta e a demanda de emprego, marcado polo envellecemento da poboación activa, a falta de remuda xeracional e o cambio nas expectativas laborais, especialmente entre os máis novos.

Así mesmo, o presidente da CEO puxo o foco no aumento das baixas vinculadas á saúde mental, que introducen unha dimensión adicional ao problema e reforzan a necesidade de abordalo desde unha perspectiva máis ampla, que integre factores laborais, sociais e organizativos. ‘A solución non pasa polo control, senón pola xestión. Debemos preservar sempre a protección do traballador e o criterio clínico, pero ao mesmo tempo garantir o funcionamento normal das empresas. Necesitamos mellorar o funcionamento do sistema no seu conxunto e avanzar cara a un modelo máis coordinado, eficiente e adaptado á realidade actual das empresas e dos traballadores’, sinalou David Martínez.

Ante esta perspectiva, o informe elaborado pola CEO subliña a importancia de reforzar a coordinación entre os distintos axentes, simplificar os procedementos e reducir os tempos de xestión das baixas, así como avanzar cara a un enfoque preventivo que permita actuar sobre as causas de fondo do absentismo. Esta análise expón tamén a necesidade de adaptar o mercado laboral ás novas demandas, incorporando elementos como a flexibilidade, a conciliación ou o desenvolvemento profesional, co obxectivo de mellorar a capacidade de atracción e retención de talento.

 

 

Finalmente, David Martínez defendeu o papel das empresas como axentes activos na prevención e xestión do absentismo, a través da mellora das condicións de traballo, a promoción da saúde e o desenvolvemento de políticas internas orientadas á xestión temperá das baixas e á reincorporación progresiva dos traballadores.

Pola súa banda, o secretario xeral de Emprego remarcou a importancia do absentismo definíndoo como ‘un dos grandes retos do mercado laboral con impacto directo nas empresas, a organización do traballo e a sustentabilidade do noso modelo produtivo’. Pablo Fernández coincidiu co presidente da CEO en que o absentismo non se pode analizar desde unha única perspectiva, non só cuestión de control ou de normativa, ‘senón que é un fenómeno máis complexo, multifactorial e que require dun enfoque integral actuando non só sobre as consecuencias senón especialmente sobre as causas’.

O secretario Xeral anunciou a posta en marcha por parte da Xunta dun plan integral contra o absentismo que distinguirá entre o vinculado a dereitos laborais e aquel que require medidas específicas de corrección. Igualmente, avogou polo diálogo social como eixo central para reforzar a colaboración da Administración, o tecido empresarial e os axentes sociais para deseñar solucións eficaces e consensuadas ante estes problemas.

A mellora das condicións laborais, o reforzo da prevención, unha maior flexibilidade na organización do traballo e o impulso do benestar laboral son liñas de actuación que a Xunta quere priorizar neste tema, argumentou o secretario xeral de Emprego, pois existe unha relación directa entre o benestar dos persoais e a redución do absentismo.

A conexión real entre o absentismo e a falta de man de obra, foi tamén posta en evidencia no transcurso da análise, o que en palabras do secretario de emprego ‘esixe tamén respostas coordinadas’. Entre elas, destacou o impulso da formación adaptada ás necesidades do tecido produtivo e o desenvolvemento de iniciativas para a atracción de talento, como o programa Retorna Cualifica Emprego da Xunta. Favorecer a fixación de poboación no territorio, sobre todo no rural mediante axudas para rehabilitación de vivendas é outra medida apuntada como necesaria.

Mellorar a realidade diaria das persoas traballadoras como vía para reducir o absentismo, e construír organizacións máis saudables para avanzar cara a un modelo empresarial máis competitivo foron as ideas que pecharon a análise deste informe.

Back to top button