A Clínica Santomé nacía en setembro de 2024 en Taboada (Lugo), promovida por unha parella de especialistas desta localidade, que apostaban por quedarse no rural e por ofrecer dende el unha asistencia sanitaria de calidade. Así, adquirían tres casas nesta vila no 2022 e xuntábanas para restauralas, “facendo unha división horizontal, deixando a parte de abaixo para a clínica e a parte de arriba para vivenda. A rehabilitación foi unha odisea e iso dilatou bastante o proxecto”, lembra o odontólogo Fernando Lamas López, impulsor do proxecto xunto á súa muller Leticia Gómez Viana, especialista en Anestesioloxía e Reanimación.
“O concepto inicial que tiñamos era facer un policlínico, onde puideramos ofrecer á poboación colindante todo tipo de servizos sanitarios: dende a odontoloxía ata anestesia, segundo a demanda. Pero, despois, fomos creando unidades, como é o caso da “Unidad de Espalda”, xa para conseguir ofertar algo moi diferencial, non só para a poboación que temos máis ao arredor, senón a nivel autonómico”, continúa Fernando Lamas.
Nestes momentos a clínica oferta ata cinco especialidades diferentes: Odontoloxía Integral, Unidade de Espalda, Unidade da Dor, Neurocirurxía e Podoloxía. A “Unidad de Espalda” funciona dende o 31 de marzo, cunha consulta á semana e lévana, de maneira conxunta, a anestesista Leticia Gómez e a neurocirurxiá Ana Pastor.

“Creamos a “Unidad de Espalda” porque queríamos darlle solucións reais á xente. Aquí os pacientes chegan e, nunha única valoración, obteñen un diagnóstico e un tratamento especializado. E iso é o diferencial, é dicir, non teñen que ir a varias consultas. Nas unidades de espalda hai anestesista e hai neucirurxián pero, aínda que traballan conxuntamente, non están na mesma consulta, e aquí o que ofrecemos é unha única valoración con dous especialistas á vez. Un tratamento integral”, resalta a doutora Leticia Gómez.
Para a doutora a neurocirurxiá Ana Pastor, este proxecto na medicina privada resulta moi ilusionante supón un xeito de achegar a súa especialidade ao rural. “Coñecín a Leticia cando era residente no hospital de Ourense, gustoulle moito a neurocirurxía e empezou a rotar no noso quirófano e aí se quedou. Despois continuou formándose fóra do hospital con cursos de simulación, cursos de politraumatismos… Co tempo decatámonos de que os pacientes sofren moita dor na columna vertebral e que na Seguridade Social é moi difícil xerar equipos multidisciplinares. Un día Leticia propúxome crear con ela unha consulta de dor de espalda á que puidesen vir os pacientes, facerlles unha historia clínica conxunta, exploralos, darlles un diagnóstico conxunto e un tratamento. E así o fixemos. O paciente vén e sae nunha hora ou hora e media, cun diagnóstico, un tratamento, un prognóstico e logo un seguimento”.

Para a doutora Pastor está é unha iniciativa “bonita e no rural, do que todo o mundo fuxe. Esta clínica é unha aposta de xente que quere ao seu pobo, que quere que medre e aportan nese senso. Loxicamente o beneficio é mutuo, pero apostaron moi duro por meterse neste proxecto, que é moi novidoso e eu estou encantada de vir aquí a facer medicina. A vida é unha asociación de proxectos, e mentres tes proxectos vives”. Polo de agora esta unidade ten unha consulta semanal, cada martes pola tarde, pero podería ampliarse en función da demanda.

Medrando en especialidades
Por outra banda, a Clínica Santomé segue medrando en especialidades, e así en breve incorporará unha pediatra, e incidindo nese valor diferencial. “Como taboadense, síntome especialmente orgulloso, porque nós sempre temos que desprazarnos a capitais de provincia a tratarnos do que sexa. Deste xeito dotamos ao noso entorno de recursos e, ademais, ofertamos unidades como a de espalda cun carácter diferencial, non só para esta zona, senón a nivel galego”, indica Fernando Lamas.
Tanto para el como para a doutora Gómez, esta clínica implica tamén “un plan de vida, que queremos levar a cabo na nosa vila, onde creamos a nosa familia e naceu a nosa filla. Con este tipo de iniciativas buscamos darlle valor a esta localidade e ás dos arredores. A nivel político sempre se fala do rural como dunha ilusión, pero nós, que vivimos aquí, vemos que comeza a haber un tecido industrial e empresarial moi interesante, comezan a facerse cousas diferenciais e niso estamos”, conclúen.

Especialidades da Clínica Santo Tomé
Odontoloxía integral, odontoloxía xeral, endodoncia, implantoloxía e implatopróteses, cirurxía oral e rexeneración ósea, tratamentos rexenerativos, protéses fixa e removible, ortodoncia, ortopedia e harmonización orofacial, dor orofacial, anestesia e reanimación, “Unidad de Espalda”, neurocirurxía de columna, tratamentos da dor lumbar e cervical, fisioterapia, osteopatía, unidade da dor, tratamentos integral da dor, tratamento intervencionista da dor, terapias rexenerativas, neurocirurxía, columna vertebral, síndrome do túnel metacarpiano, patoloxía intracraneal e podoloxía.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información:
