
A enfermería da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras celebra a súa semana grande cun amplo programa de actividades formativas, científicas e profesionais ao redor do Día Mundial da Enfermería, que se conmemora cada 12 de maio. A programación terá como acto central a XV edición das Xornadas de Enfermería, as máis veteranas de Galicia.
Baixo o lema “Da vocación ao liderado: a enfermería que vén”, esta edición dá un paso máis na súa evolución, coa ampliación do horario, capacidade e extensión. Por primeira vez, a sesión central celebrarase mañá e tarde no Auditorio Municipal de Ourense, o que permitirá acoller unha maior participación profesional. Ademáis a programación estenderase aos tres hospitais da área sanitaria: o Hospital Universitario de Ourense, o Hospital Público de Verín e o Hospital Público de Valdeorras.
A semana permitirá visibilizar a forza dunha profesión esencial no sistema sanitario, presente en todos os ámbitos asistenciais e cada vez máis implicada na investigación, a xestión, a innovación, a educación para a saúde e o acompañamento ás persoas e a sociedade.
Unha semana con actividades nos tres hospitais públicos
A programación comezará mañá, luns 11 de maio, coa celebración dos primeiros obradoiros formativos nos tres hospitais públicos da Área Sanitaria. Unha das principais novidades desta décimo quinta edición, que permiten achegar estas actividades aos distritos sanitarios, facilitando o acceso dos equipos de hospitais e atención primaria.
No Hospital Público de Valdeorras celebrarase mañá un obradoiro sobre abordaxe das feridas clínicas complexas, impartido por Olga Barredo González, enfermeira referente en feridas crónicas e enfermeira da Unidade de Reanimación.
No Hospital Público de Verín tamén mañá, terá lugar un obradoiro de actualización en coidados pediátricos para enfermería nun hospital comarcal, impartido por Mónica González Dacosta, enfermeira especialista en Pediatría e supervisora do Servizo de Urxencias do Hospital Público de Verín. A programación neste centro completarase o xoves, 14 de maio, cunha sesión sobre novas experiencias en diabetes, dirixida a profesionais e impartida por Lidia Cumplido Viéitez, enfermeira diabetolóxica.
No Hospital Universitario de Ourense os obradoiros comezarán igualmente mañá con actividades sobre programas de exercicio físico multicompoñente para a prevención da fraxilidade e o sedentarismo e sobre reanimación cardiopulmonar e manexo do desfibrilador externo automático.
A programación continuará os días 13 e 14 de maio con sesións sobre comunicación, asertividade e manexo de conflitos; vendaxe funcional multicompoñente; correcta recollida de mostras de laboratorio; dinámicas da risa; inicio dun estudo de investigación; metodoloxía da educación para a saúde e intervencións comunitarias, e electrocardiografía básica para enfermería.
Esta programación complementaria permite que a semana da enfermería non se limite a unha única xornada, senón que se converta nun espazo amplo de formación, intercambio e participación para profesionais de todos os ámbitos asistenciais.
O acto central, o 12 de maio no Auditorio
O martes 12 de maio, coincidindo co Día Mundial da Enfermería, celebrarase no Auditorio Municipal de Ourense a sesión central das XV Xornadas de Enfermería.
O programa combinará diferentes formatos de participación, con conferencias, mesas redondas, presentación de comunicacións libres e espazos de diálogo coa participación de profesionais, pacientes e asociacións. Abordando a enfermería desde unha perspectiva ampla, integrando a práctica asistencial, a comunicación, a investigación, a innovación, a xestión sanitaria e os novos retos da profesión.
Os contidos centraranse tanto na atención hospitalaria como na atención primaria e comunitaria, coa saúde mental, a cronicidade, a educación para a saúde, a humanización, a autonomía profesional e o acompañamento ás persoas como eixos principais.
As xornadas pecharanse cunha mirada ao futuro da enfermería, ao seu liderado nos coidados e ao papel da investigación da man do catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo Álvarez, que impartirá a conferencia de clausura que dará paso a entrega de premios.
Unha cita decana que une á profesión desde 1998
As Xornadas de Enfermería de Ourense teñen a súa orixe no ano 1998, cando se instaura o Premio de Enfermería no Hospital Universitario de Ourense como unha cita profesional pioneira en Galicia. Na década dos 2000 xurden as xornadas como marco de difusión dos traballos presentados a premio e vanse incorporando progresivamente profesionais de atención primaria e dos hospitais comarcais, ata converterse nun verdadeiro nexo de unión da enfermería ourensá, mesmo antes da integración organizativa da actual área sanitaria.
Ao longo destes anos, e só interrompidas pola pandemia, as xornadas mantiveron unha continuidade que as converte nunha cita de referencia para compartir experiencias, actualizar coñecementos, visibilizar boas prácticas e reforzar o papel da enfermería na evolución do sistema sanitario.
Nesta décimo quinta edición, a semana da enfermería pon o foco nos novos retos profesionais, a innovación, a investigación, a autonomía enfermeira, a saúde comunitaria, a atención hospitalaria, a humanización e a participación dos pacientes, nun programa que combina formación práctica, reflexión profesional e recoñecemento ao labor diario dos equipos.
