
O Hospital Universitario de Ourense celebraba hoxe o Día do Neno Hospitalizado, unha data que cada ano, o 13 de maio, está dedicada a todos os nenos e nenas que se atopan ingresados nos hospitais, así como ás súas familias e aos profesionais que os acompañan durante a súa estancia hospitalaria. A actividade organizada polo Servizo de Atención ao Paciente e Humanización da Área sanitaria, o Servizo de Pediatría e a mestra da Escola tivo lugar na Escola da unidade de hospitalización de Pediatría, onde os nenos e nenas ingresados puideron gozar dunha xornada especial pensada para facer mais amable o seu día a dia no hospital.
Este ano, a actuación musical correu a cargo de Maite López, enfermeira, e Antón Otero, médico de Medicina Interna do Hospital Universitario de Ourense. Ambos interpretaron para os pequenos pacientes diferentes cancións de Disney, achegando música, ilusión e emoción a unha mañá moi especial. Esta actuación tamén se enmarca no programa “Música e sáude” xa que An- tón tocou varios temas no piano doado pola Fundación Dorzán para a humanización das contornas hospitalarias a través da música.

Ademais da actuación musical, a celebración contou tamén cunha actividade de paiasos, baile, malabares e globoflexia a cargo da compañía ourensá “Animacións Pepinito”, na que participa tamén unha celadora do Hospital Universitario de Ourense. A proposta permitiu crear un am- biente lúdico e distendido, favorecendo que os nenos e nenas puidesen desfrutar dun momento de lecer, sorriso e compañía dentro do contexto hospitalario. Desde a Área Sanitaria de Ourense, Verin e O Barco de Valdeorras promoven anualmente este
tipo de iniciativas de humanización da asistencia sanitaria, especialmente no ámbito pediátrico.
Para Belén Piñeiro, Xefa do Servizo de Humanización “estas actividades culturais, musicais e recreativas contribúen a reducir o impacto emocional do ingreso, axudan a romper coa rutina hospitalaria e favorecen o benestar dos pacientes máis pequenos e das súas familias”.| O Día do Neno Hospitalizado é unha oportunidade para lembrar que a atención sanitaria vai máis alá dos coidados clínicos. Acompañar, escoitar, entreter e crear espazos de alegria tamén forman parte dunha asistencia máis próxima, sensible e humana. Con esta celebración, o Hospital Universitario de Ourense quixo render homenaxe a todos os nenos e nenas hospitalizados e recoñecer tamén o labor dos profesionais que, desde diferentes ámbitos, contribúen cada dia a facer do hospital un lugar máis acolledor.