
A druída Viviana advírtelle a Merlín nun dos vibrantes diálogos de Morgana en Esmelle que un mundo libre non se constrúe con mentiras e nunca será dono de seu un pobo sometido á ignorancia. Coma ela, Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Santiago de Compostela, 2014) reivindicou sempre a esculca, a exposición constante á dúbida e o coñecemento como ferramentas “para saber quen somos e que sociedade queremos ser”. E con estes vimbios exerceu o xornalismo e construíu o proxecto literario que a Real Academia Galega celebra nestas Letras Galegas 2026. A institución salientou hoxe no pleno extraordinario do 17 de maio a actualidade do seu legado, brillante e sedutor no literario, desafiante no intelectual e no ético, e sempre en galego.
A poeta Ana Romaní, compañeira súa na Radio Galega, amiga e biógrafa dela, a escritora Marilar Aleixandre e Víctor F. Freixanes, en calidade de editor de Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), pronunciaron as alocucións académicas sobre a homenaxeada, nas que tamén se reivindicou a insurrección alegre do feminismo que vertebra a súa biografía e a súa obra. Nas súas novelas Begoña Caamaño reescribiu dous dos grandes mitos da cultura occidental dándolles voz ás silenciadas. Tiña previsto pechar a súa triloxía cun terceiro título sobre Sherezade, a contadora de historia d’As mil e unha noites. Pero non chegou a escribir esa historia. Morreu cando acababa de facer os 50 anos, só cinco despois do seu debut literario, serodio e pleno.

As novelas de Caamaño son, destacou Freixanes, obras “de madurez, construídas dende a sabedoría dunha escritora que leva moitos anos formándose, preparándose para aquel momento”. Nelas, en palabras de Marilar Aleixandre, a “narradora feminista vai zurcindo con fío violeta linguas cortadas”. E formulando “preguntas do que nos explica e do que nos ignora”, sinalou Ana Romaní, que insistiu na importancia que tiña, tamén no xornalismo da autora, a procura do coñecemento que reivindicaba a súa Viviana. “A radio da cultura de Begoña Caamaño colectiviza o pensamento. Afástase de lugares comúns, propicia a apertura, atende a complexidade, acentúa a diversidade, o que difire”, analizou.
Tamén interviña Marilar Aleixandre, quen se centrou en como Begoña Caamaño traslada o seu pensamento feminista aos mitos, nun exercicio que —sinalou— máis que en reescribir consistiu en desescribir.
O presidente da Real Academia Galega pechou o pleno extraordinario cunha intervención na que, alén de gabar o legado literario de Begoña Caamaño, quixo lanzar unha mensaxe sobre o momento crucial en que se atopa o galego. Neste tamén Ano Oteriano, Monteagudo referiuse á vixencia do discurso de Ramón Otero Pedrayo no debate da Constitución da II República e demandou unidade para que a lingua galega continúe a animar “a esperanza que nos inspira cara ao futuro”. Neste sentido, puxo o exemplo de Begoña Caamaño: criada en castelán nos barrios vigueses do Calvario e Coia, fíxose neofalante en galego cando era unha moza. “Compromiso, activismo, alegría, agarimo: iso precisa o noso idioma”, enfatizou o presidente.
Henrique Monteagudo valorou a actitude da cidadanía cara a lingua de noso, “máis positiva e máis proactiva ca nunca”, pero advertiu que, aínda que “a súa normalización alenta no compromiso cidadán, atinxir un pulo decisivo require un imprescindible impulso político”. “O galego non pode seguir aferrollado no leito de Procusto das liortas partidistas, con uns pretendendo cortarlle as pernas mentres outros teiman en estricarllas”, comparou. O presidente da RAG rematou a súa intervención coa man tendida da “leal colaboración” e facendo un “efusivo chamamento” ao compromiso da cidadanía e unha “solemne exhortación ao presidente da Xunta para que impulse o diálogo político e social en prol do idioma”.
Monteagudo pronunciou estas palabras ante o presidente Alfonso Rueda, nunha sesión no Teatro Principal de Santiago de Compostela que contou coas máximas representacións institucionais do país e da cidade, coa alcaldesa Goretti Sanmartín encabezando a delegación municipal. O presidente da RAG quixo referirse a Santiago de Compostela —onde Caamaño se fixo escritora e desenvolveu os seus proxectos xornalísticos máis persoais— como outro espello no que se mirar en materia lingüística. “Compostela ofrece un exemplo edificante de lealdade á lingua galega, ilustrado no seu uso corrente en todos os ámbitos, públicos e privados, formais e informais. A capital de Galicia é tamén orgullosa capital da lingua galega”, salientou.

Música e publicación conmemorativa
O pleno extraordinario do Día das Letras Galegas contou no apartado musical con Sofía Espiñeira e Os Enxebres de San Lázaro, que acompañaron a comisión executiva da RAG, as autoridades e a familia de Begoña Caamaño na entrada no Teatro Principal ao son da Marcha do Antigo Reino de Galicia. Deseguido, Sofía Espiñeira interpretou “Unha tripulación” e “Herba de namorar”. A música púxolle ademais o ramo á celebración coa interpretación do Himno.
O público foi agasallado coa edición conmemorativa Begoña Caamaño presenta Circe ou o pracero do azul e Morgana en Esmelle, que pode descargarse en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal.
A celebración do Día das Letras Galegas da Real Academia Galega contou co apoio do Concello de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Fotos: RAG.
