
As festas dos pobos non son só unha data marcada no calendario; son o latexado da nosa identidade, o momento en que o tempo parece deterse para permitir que o reencontro e a alegría tomen o mando. E o VIÑOTAPEO de Quereño, como preludio e avance das nosas festas patronais de xullo, é o mellor adestramento. Tras días de preparativos, nervios e unha espera que sempre se fai longa, ver os postos das adegas embanderados, escoitar a música resoar entre as rúas do pobo, lémbranos que estes ritos anuais son a alma da nosa convivencia.
Valorar unha festa de pobo implica recoñecer que, detrás de cada lámpada acesa e cada nota musical, existe un tecido humano invisible pero resistente. A importancia destas celebracións transcende o lúdico; son o pegamento social que une ás xeracións, onde os máis pequenos crean os seus primeiros recordos de liberdade e os maiores revivimos a nostalxia dunha mocidade que nunca se foi do todo. Nos postos das adegas e logo na PISTA, compartindo primeiro unha PAELLA GRATIS o venres, os petiscos e bebidas nas adegas, daquela a bica con café e bailando na pista, é onde se liman as asperezas do día a día e recoñecémonos como parte de algo máis grande: UNHA COMUNIDADE.
Nada disto sería posible sen o labor incansable da Comisión de Festas de Quereño e o Concello de Rubiá, sobre todo na limpeza do pobo e ceder o mobiliario para o bo desenvolvemento da celebración. Organizar un evento desta magnitude é, a miúdo, unha tarefa ingrata e esgotadora. Queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a esas persoas que sacrificaron o seu tempo libre, as súas horas de soño e, en ocasións, a súa propia paciencia para que o resto puidésemos desfrutar.
Non as nomeo porque todos sabemos quen son e se me faltase alguén por nomear, sería imperdoable. A vosa capacidade para xestionar orzamentos axustados, coordinar horarios e resolver os mil imprevistos que xorden no último minuto é admirable. Grazas pola vosa resiliencia e por manter viva a chama da nosa tradición (e que non decaia). Demostrastes que con ilusión e compromiso pódense levantar proxectos que enchen de vida a nosa contorna rural.
Así mesmo, é de xustiza recoñecer aos colaboradores e patrocinadores. Desde o pequeno comercio e industria local que achegaron o seu granito de area, ata os voluntarios “adegueiros”, familias e amigos que axudan nos postos.
A vosa xenerosidade é o combustible que permite que o motor da festa siga virando. Sen ese apoio privado, loxístico e económico, o brillo destes días sería moito máis tenue.
”A festa non a fai o lugar, senón a xente que decide celebralo xunta”
En definitiva, este VIÑOTAPEO foi un éxito de participación e civismo. Desde San Fernando en Cádiz ata A Coruña, desde o levante ao poñente, pasando por Madrid, Valladolid, Asturias, León, Ponferrada e vilas de ao redor de Quereño veu xente a desfrutar e coa firme promesa de que virán máis veces.
E, sobre todo, a maioría xente nova, que garanten un futuro moi prometedor. Quereño nun POBO SINGULAR, como é o título do último libro publicado polo noso entrañable e inesquecible veciño e amigo TOÑO CASTRO VOCES.
Levámonos o eco dos risos, o sabor dos pratos compartidos e a satisfacción de ver o noso pobo máis vivo que nunca. Grazas a todos por demostrar que, cando traballamos unidos por un obxectivo común, o resultado é sempre motivo de orgullo. Ata o Santo Cristóbal de xullo e o Viñotapeo do ano que vén! ABRAZOS.
Texto: Suso Prieto, veciño e adegueiro do Viñotapeo de Quereño (Rubiá).