
O Hospital Universitario de Ourense participa no proxecto europeo GENEUS (Geriatric Neurosurgery: Advancing neurosurgical care of older person in south-west Europe), unha iniciativa de cooperación transnacional financiada a través do programa Interreg Sudoe para mellorar a atención neurocirúrxica das persoas maiores no suroeste de Europa.
O proxecto reúne hospitais e institutos de investigación sanitaria de España, Francia e Portugal, co obxectivo de desenvolver un modelo integrado de atención neurocirúrxica xeriátrica, adaptado ao progresivo envellecemento da poboación e á crecente complexidade clínica destes pacientes.
Ademais de Galicia participan centros das rexións do sudoeste europeo como Navarra, Valencia, Área Metropolitana de Lisboa, Limousin e Midi-Pyrénées, Nouvelle-Aquitaine e Occitanie, entre eles o Centro Hospitalario Universitario de Toulouse, referente europeo en investigación sobre envellecemento e xeriatría, a través do seu Gerontopole, centro pioneiro na investigación, prevención e atención ás persoas maiores, no que traballa o ideólogo e coordinador principal do estudo, o Dr. Eric Schmidt, neurocirurxán especializado en xeriatría, que lidera o recén creado grupo de trabajo de Neurocirurxía Xeriátrica da Asociación Europea de Neurocirurxía (EANS).
O grupo de traballo galego está coordinado pola xefa do Servizo de Neurocirurxía do Hospital Universitario de Ourense, Ana Pastor Zapata, e integra especialistas deste servizo, como Pilar Varela Rois; Medicina Interna, Jorge Cadiñanos Riesco, Ana Latorre Díez e María Martínez Villaverde; e María Concepción Alonso González, de Anestesia e Reanimación. O equipo está codirixido pola investigadora e neurocirurxana, Magda Elizabeth Garzón Tarazona, da Fundación Pública de Investigación Biomédica Galicia Sur.
A iniciativa naceu durante un encontro científico internacional celebrado en Barcelona en 2023, no que, profesionais europeos de neurocirurxía, puxeron sobre a mesa a necesidade de adaptar a atención sanitaria á realidade demográfica actual. “Comentabamos que xa non abondaba con aplicar aos pacientes maiores os mesmos protocolos deseñados para persoas máis novas, e que era necesario empezar a escribir capítulos específicos sobre como tratar e seguir aos pacientes neurocirúrxicos maiores de 65 anos”, explica a doutora Magda Garzón.
Segundo sinala, a realidade asistencial galega reforzou esa percepción desde o primeiro momento. “Acababa de empezar a traballar aquí en Ourense e vía unha poboación moi envellecida, vulnerable e que require coidados moito máis individualizados”, apunta.
Máis da metade dos ingresos en Neurocirurxía pasan dos 65 anos
Os datos asistenciais do Servizo de Neurocirurxía do Hospital Universitario de Ourense evidencian xa o impacto do envellecemento na práctica clínica diaria, e sitúan á área sanitaria como un reflexo anticipado da realidade demográfica que afrontará Europa nas próximas décadas. Así dos 664 ingresos, rexistrados en 2025, 345 corresponderon a pacientes maiores de 65 anos, o que representa xa o 52 % do total atendido polo servizo.
A distribución por tramos de idade evidencia un cambio moi significativo no perfil dos pacientes neurocirúrxicos. Mentres os menores de 20 anos non chegan ao 1% dos ingresos —con só 7 pacientes atendidos en todo o ano— e os menores de 40 foron menos do 7%. os maiores de 80 anos sumaron 87 ingresos, máis do 13 % do total. De feito o grupo entre 81 e 90 anos unha cifra máis de dez veces superior á dos menores de 20 anos, con 76 pacientes hospitalizados, 11 deles maiores de 90 anos.
Estes datos, segundo destacou a doutora Ana Pastor, converten a Ourense nun escenario especialmente representativo do futuro demográfico europeo e nun laboratorio asistencial de enorme valor “queremos mellorar o itinerario asistencial do paciente con máis de 65 anos, durante o ingreso e a alta” subliña “ver se temos problemas comúns nos tres países e como podemos entre todos mellorar” explica, “co obxectivo de desenvolver modelos de atención adaptados a unha poboación progresivamente máis envellecida, fráxil e complexa”.
Para a doutora Magda Garzón, estes datos explican o interese estratéxico do proxecto GENEUS e o valor da experiencia clínica acumulada en Ourense. “O perfil de pacientes que xa temos aquí é probablemente o que terá boa parte de Europa nas próximas décadas. Da nosa experiencia e da participación neste proxecto europeo poderán extraerse conclusións moi útiles para adaptar os sistemas sanitarios ao envellecemento da poboación”, sinala.
A investigadora lembra que esta transformación non afecta só á Neurocirurxía, senón á organización global dos hospitais e da formación sanitaria. “Estamos tratando pacientes máis fráxiles, con máis enfermidades asociadas e con necesidades completamente diferentes. Non abonda con operar mellor; hai que adaptar os circuítos asistenciais, a coordinación entre servizos e mesmo a planificación futura dos recursos humanos”, advirte.

Primer paciente ourensán incorporado ao estudo europeo
O proxecto obtivo arredor de dous millóns de euros de financiamento europeo e desenvolverase en tres fases. Nunha primeira etapa realizarase unha análise detallada da situación dos pacientes maiores atendidos nos distintos servizos de Neurocirurxía participantes: perfil clínico, tratamentos, estado funcional antes e despois do ingreso e evolución tras a alta hospitalaria.
No caso de Ourense, xa comezou a captación de pacientes coa incorporación ao estudo do primeiro dos 20 pacientes asignados ao Hospital Universitario de Ourense nesta primeira fase dun proxecto que se desenvolerá en tres anos. A sua colaboración, como a do resto de pacientes que se vaian sumando, permitirá coñecer mais da súa evolución, actividades e necesidades tras a alta desde o hospital.
Ferramentas para adaptar os hospitais ao envellecemento
O Hospital Universitario de Ourense terá ademais un papel destacado na segunda fase do proxecto, centrada no desenvolvemento dunha “caixa de ferramentas” para mellorar os circuítos asistenciais destes pacientes. “Conseguimos liderar esta fase porque levamos moito tempo traballando no deseño do proxecto desde o inicio”, destaca Garzón. Esas ferramentas incluirán recomendacións organizativas e asistenciais, orientadas a mellorar a coordinación entre especialidades e anticiparse ás posibles complicacións.
Entre as medidas que poderían implantarse figura a creación de consultas multidisciplinares, para valorar ao paciente nun mesmo día por varios especialistas. “O ideal sería que antes dunha intervención, o paciente xa pasase por rehabilitación, anestesia ou valoración da medicación, de xeito coordinado, evitando desprazamentos, esperas e complicacións posteriores”, explica.
O obxectivo é avanzar cara unha atención máis integrada, que permita tamén planificar a recuperación funcional e a rehabilitación desde antes da cirurxía. “Falamos dunha auténtica prehabilitación do paciente maior”, resume. Co obxectivo posto en rematar 2028, a terceira fase do proxecto estará orientada á elaboración de recomendacións xerais para a súa futura implantación nos sistemas sanitarios europeos.
Redefinir as necesidades sanitarias
Garzón considera que o proxecto responde a unha transformación demográfica radical, que obrigará a reformular os sistemas sanitarios europeos nos próximos anos. “En menos de quince anos máis da metade da poboación terá máis de 60 anos e temos que adaptar a asistencia a esa realidade”, advirte.
Como exemplo desa necesidade de planificación, lembra que a propia oferta formativa MIR xa evidencia o desaxuste entre a estrutura sanitaria actual e a evolución demográfica. “Na convocatoria MIR 2026 España ofertou 530 prazas de Pediatría fronte a 126 de Xeriatría, cando en todo o país hai municipios enteiros onde non nace ningún neno” subliña a especialista. Cunha porcentaxe tan elevada de persoas maiores, di Garzón “temos que empezar a planificar xa o sistema sanitario que imos necesitar dentro de dez ou quince anos” conclúe.