EconomíaEconomíaÚltima horaVídeosViticultura

A II edición do festival de artes e enoturismo ‘Entre Covas’ chegará a Seadur (Larouco), A Rúa e Petín

Celebrarase venres 19 de xuño, 17 de xullo e 21 de agosto, en barrios de covas e adegas asociadas á Ruta do Viño de Valdeorras

 

Tras unha primeira edición con boa acollida entre o público e o sector, a Asociación Ruta do Viño de Valdeorras lanza un novo ‘Entre Covas’, sumando enoturismo, patrimonio e artes vivas para potenciar o territorio creando experiencias únicas e de aforo reducido, fixando de novo tres datas: os venres 19 de xuño, 17 de xullo e 21 de agosto, en barrios de covas e adegas asociadas da Ruta do Viño de Larouco, A Rúa e Petín, ampliando o alcance da iniciativa. Comezando ás 20:30 horas, inclúen a visita a varias covas e máis un espectáculo, cunha degustación de viños e petiscos ao rematar.

 

 

O programa desta segunda edición combina profundidade artística, sons de raíz folk e desafío escénico, con tres propostas moi diferentes pero ben acaídas para o contexto das covas e o obxectivo de crear unha atmosfera especial enmarcada no lugar e no patrimonio. A primeira cita é o venres 19 de xuño en Seadur (Larouco) coa artista Paula Pintos con Ícaro, un paseo sonoro polo barrio de covas. Pintos investiga a voz, o son, a escoita e a memoria como materia artística, creando proxectos multidisciplinares arredor da performance. Para Seadur preparou unha experiencia que comeza na Cova dos Bidueiros e remata cun recital na Cova da Xabreira.

 

 

O venres 17 de xullo, nas Pinguelas da Rúa, será a quenda de Abril, un grupo musical de raíz folk integrado por Claudia Abril (voz e percusión) e Marina Carpente (violín e voz). A súa proposta de tradición renovada poderá desfrutarse na cova de Joaquín Rebolledo, nas Pinguelas. Antes, haberá unha visita a Adega Melillas e tralo concerto, os viños e petiscos serviranse xunto a cova de Alan de Val.

 

 

O festival rematará o 21 de agosto en Petín, con As R[h]umosoras, unha orixinal proposta escénica que mestura humor, música e reivindicación cultural. O elenco está integrado por Carmen Méndez, Marta Doviro e Ledicia Sola, as cales contan, recitan, cantan e ata bailan para dar vida a mulleres ilustres galegas, tanto reais como mitolóxicas.

 

 

Entre Covas está organizado pola Asociación Ruta do Viño de Valdeorras co apoio de Turismo de Galicia e a colaboración da Deputación de Ourense e o Consello Regulador da DO Valdeorras. Os detalles da programación feran presentados na mañá deste mércores 3 de xuño na Cova Os Bidueiros de Seadur, de onde arrancará o primeiro dos espectáculos. Así o destacou o presidente da Asociación organizadora, Marcos Prada, quen puxo o foco no valor artístico, patrimonial, turístico e gastronómico do festival. De feito, en cada evento poderán probarse ata seis referencias de viños de adegas asociadas á Ruta e os petiscos serán preparados polo restaurante Cova da Xabreira, o Complexo Hostelero Palladium e o Pazo do Castro. En relación ás covas, escenario do festival, Prada destacou que “son parte da nosa identidade e da nosa maneira de entender o viño, a vida e a relación co territorio” e que sumandolle estas propostas artísticas contemporáneas “o resultado é algo moi potente, moi vivo e moi atractivo tanto para quen nos visita como para quen vive en Valdeorras”. Dende a Ruta do Viño agradecen ademais aos propietarios dalgunhas das covas privadas que se visitarán durante os eventos.

 

 

Na presentación acompañaron a Prada o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, o director do Inorde, Rosendo Fernández, e a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, que brindaron polo que consideran un evento xa consolidado na programación cultural valdeorresa. Fernández destacou a beleza dos espazos escollidos para o evento e como o “presente está feito coa sabiduría dos antepasados” sendo responsabilidade das administracións poñelas en valor apoiando iniciativas como o ‘Entre Covas’ “que consegue unha simbiose entre patrimonio, natureza, enogastronomía e boa xente”.

 

 

O director de Turismo de Galicia Xosé M. Merelles achegábase ata Seadur antes da presentación do SilFest Valdeorras no Barco, para o acto de ‘Entre Covas’ onde destacaba a importancia desta iniciativa para “impulsar o turismo enogastronómico”. Segundo sinalou, o festival representa unha proposta innovadora que promove novos usos para as covas tradicionais da comarca a través da combinación de música, artes escénicas, viño e gastronomía local. Ademais, lembrou “o éxito da primeira edición e subliñou a capacidade deste tipo de eventos para atraer visitantes interesados en experiencias auténticas e de alto valor engadido”.

 

 

O director de Turismo de Galicia explicou tamén que ‘Entre Covas’ contribúe á “dinamización dos barrios tradicionais vinculados á cultura do viño e ao reforzo da identidade territorial deste destino”. Neste sentido, destacou que a iniciativa combina diferentes modalidades turísticas -cultural, gastronómica, patrimonial e de natureza-, favorecendo a diversificación da oferta e a desestacionalización da actividade turística.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Back to top button