O Concello do Carballiño acolleu hoxe o acto de clausura do primeiro Campus Experience da Fundación Real Madrid celebrado en Galicia e que tivo a súa sede, precisamente, na provincia de Ourense grazas á colaboración da Deputación de Ourense.
Trátase dunha iniciativa pioneira que permitiu a un centenar de menores de entre 7 e 14 anos gozar dunha experiencia formativa e integral única con actividades centradas en formación deportiva intensiva ligada á educación en valores.

A Deputación de Ourense, que subvencionou parte do custo das inscricións para facer a actividade máis accesible, reafirma así “o seu compromiso firme co fomento do deporte base e a extensión de programas educativos de excelencia”, salientou o asesor de Deportes da Deputación, Enrique Álvarez.
Durante o acto de entrega de diplomas, os participantes estiveron acompañados por adestradores e coordinadores da Fundación, así como por representantes das institucións colaboradoras, quen celebraron a consecución dos obxectivos dun campus que superou todas as expectativas na súa estrea en terras galegas.
Enrique Álvarez valorou de forma moi positiva o desenvolvemento destas cinco xornadas de actividade e agradeceu a confianza tanto das familias como da propia Fundación Real Madrid. Destacando o impacto que tivo na provincia “para formar a mellores persoas, deportistas e dinamizar o rural ourensán, cunha oferta educativa e de calidade como esta”.

programa compaxinou os adestramentos sobre o céspede coa aprendizaxe de fundamentos técnicos e tácticos, así como con obradoiros socioeducativos centrados na adquisición de hábitos de vida saudables, nutrición e habilidades de convivencia.
