Cidade das BurgasDeportesFútbol salaRúa Valdeorras CFÚltima hora

O equipo Bar Syros, campión do III Torneo Futsal Vila do Barco celebrado en Calabagueiros

Estrelas Galiza vencían a Cidade de As Burgas FS na final do cuadrangular feminino. O Vianariño FS era terceiro e o Rúa Valdeorras FSF cuarto

 

Nos penaltis. Así se decidía, na tarde deste domingo 5 de xullo, a final do Torneo Futsal Vila do Barco que nesta fin de semana celebraba a III edición no pavillón municipal de Calabagueiros.

 

 

En total foron 21 os equipos (tres máis que o ano pasado), repartidos en sete grupos, que participaban nesta edición do campionato organizado por catro mozos do Barco que enchía o pavillón de xogadores, público e fútbol sala, masculino pero tamén feminino e de base.

 

 

Dende o venres 3 de xullo ás 16 horas cos partidos benxamín, alevín e infantil; e ata este domingo día 5 pasadas as 21 horas (salvando tres horas de madrugada), xogáronse sen descanso os diferentes partidos ata chegar á final disputada hoxe.

 

 

O campión era o equipo leonés Bar Syros, que vencía na tanda de penaltis tralo empate a 2, a Lavandería El Camino, tamén da provincia de León que quedaba subcampión. O terceiro clasificado era Pulmones Prestados e o cuarto, As Burriñas. A entrega de premios corría a cargo do concelleiro do Medio Rural do Barco, Jesús Jares.

 

 

 

Antes da final masculina tiña lugar a feminina na que se enfrontaban, igual que o ano pasado, os equipos Estrelas Galiza (un combinado de xogadoras ourensás entre as que está a barquense Vera Rodríguez) e Cidade de As Burgas FS, vencendo as primeiras 3-2. O terceiro posto era para o Vianariño FS e o cuarto para o Rúa Valdeorras FSF (perdían o primeiro partido e non xogaban máis pola calor), os equipos da contorna que completaban o cuadrangular.

 

 

Marcado polas altas temperaturas, en plena onda de calor, o Torneo Futsal Vila do Barco remataba co sorteo de agasallos donados polos colaboradores unha terceira edición que incluía sesión dj nocturna e tamén sesión vermú con música en directo e paella.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella, excepto a do equipo da Rúa que é cedida.

Back to top button