EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

Estudantes de Arquitectura coñecen o papel da lousa como sector ligado ao desenvolvemento do territorio

A iniciativa está organizada pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña e enmárcase dentro do curso “Estratexias de rexeneración das vilas asoladas polos incendios do verán de 2025”

 

Un grupo de 23 estudantes dos últimos cursos do Grao en Arquitectura e do Grao en Paisaxe da Universidade da Coruña vén de coñecer o sector da lousa en Valdeorras, dentro do curso “Estratexias de rexeneración das vilas asoladas polos incendios do verán de 2025”, que se celebra desde hoxe e ata o vindeiro 17 de xullo en Vilamartín de Valdeorras.

Durante a xornada, os alumnos tamén visitaban unha canteira de lousa a ceo aberto e unha planta de transformación, onde podían ver de primeira man todo o proceso industrial que segue este material, desde a extracción dos grandes bloques na explotación ata a obtención das pezas finais.

Nas instalacións descubrían as distintas fases de elaboración da lousa: o serrado dos bloques, o labrado das pezas, os diferentes cortes para obter as dimensións requiridas, a selección segundo os estándares de calidade e, finalmente, o embalado para a súa distribución aos mercados nacionais e internacionais.

A visita permitía aos futuros arquitectos comprender o elevado compoñente tecnolóxico e artesanal que caracteriza á industria da pizarra e a importancia deste sector como motor económico, xerador de emprego e elemento clave na identidade territorial de Valdeorras.

As sesións teóricas do curso desenvólvense no Centro Social de Santa Lucía, mentres que o programa inclúe diversas visitas de campo para coñecer de primeira man o territorio e os retos que supón a súa recuperación tras os incendios do verán de 2025. A primeira delas tivo lugar durante a xornada de onte en San Vicente de Leira.

“A visita ao sector da lousa responde á vontade de ofrecer aos futuros profesionais unha visión integral da rexeneración do territorio, na que a recuperación do tecido económico resulta tan importante como a reconstrución física dos núcleos afectados”, segundo se destaca dende o Clúster da Pizarra de Galicia.

 

 

O director do curso, Óscar Pedrós, profesor de Proxectos Arquitectónicos da Universidade da Coruña, explicaba que “cando formulamos un curso sobre a rexeneración dos pobos, entendemos que non abonda con reconstruílos; tamén hai que repoboalos. Para iso é fundamental coñecer os tecidos produtivos da comarca, que son os que permiten que a poboación permaneza e se estableza no territorio”.

Pola súa banda, a presidenta da Delegación de Ourense do COAG, Emma Noriega, sinalaba a estreita relación entre Valdeorras e a industria da lousa. “Non se entende esta comarca sen a lousa. Á hora de restaurar os danos causados polos incendios, o uso deste material vai ser fundamental, tanto pola súa integración na arquitectura tradicional como pola súa vinculación coa identidade do territorio”, sinalou.

A colaboración do Clúster da Pizarra de Galicia nesta iniciativa permite achegar aos estudantes a realidade dun sector estratéxico para a economía de Valdeorras e o seu papel no desenvolvemento sostible, na fixación de poboación e na reconstrución das zonas afectadas polos incendios.

 

 

Durante os próximos días, os participantes continuarán afondando en estratexias de recuperación e revitalización dos núcleos rurais mediante un programa que combina formación académica, análise do territorio e contacto directo cos principais axentes implicados no futuro da comarca.

Este curso, organizado pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, conta co patrocinio da Delegación de Ourense do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), do Clúster da Pizarra de Galicia e do Concello de Vilamartín de Valdeorras.

Fotos cedidas.

 

Back to top button