
A primeira das Conversas de Verán da Praia Fluvial de San Clodio da serie Historias de vida tivo como protagonista a Concepción Rodríguez, unha muller con fondas raíces en Torbeo que desenvolve unha destacada carreira profesional nas Forzas Armadas francesas e cuxa vida a levou a traballar en diferentes lugares do mundo. Porén, por lonxe que a leve a súa profesión, hai un lugar ao que regresa ano tras ano: Torbeo, en Ribas de Sil.
Durante a conversa, Concepción resumiu esta relación cunha idea que acompañou boa parte do encontro: para voar precisamos ás, pero tamén raíces que nos permitan saber de onde vimos e onde queremos regresar.
Un encontro inesperado a 9.000 quilómetros de Ribas de Sil
A conversa estivo guiada polas preguntas do concelleiro de Educación e Cultura do Concello de Ribas de Sil, Luis Fernández, que comezou lembrando a curiosa maneira na que ambos se coñeceron.
En 2018, cando Luis exercía a responsabilidade de dirixir o centro educativo e cultural da Embaixada de España en Bogotá, coincidiu nun curso de historia da Primeira Guerra Mundial organizado polo centro español e impartido polo daquela embaixador de Francia, cunha militar francesa e agregada de Defensa de apelido Rodríguez.
A sonoridade pouco francesa do apelido deu pé a unha conversa. A sorpresa chegou pouco despois: nunha cidade de preto de dez millóns de habitantes, situada a uns 9.000 quilómetros de Galicia e París, descubriron que os dous tiñan as súas raíces no mesmo pequeno concello: Ribas de Sil.
Aquel encontro en Colombia acabaría tendo continuidade anos despois, desta volta na Praia Fluvial de San Clodio.
Unha familia galega na emigración
Concepción naceu en París e ten dobre nacionalidade, francesa e española. O seu pai procedía de Vilachá, na Pobra do Brollón, e a súa nai de Pacios, en Torbeo.
A súa historia familiar é tamén a de tantas familias galegas que durante os anos sesenta buscaron fóra da súa terra novas oportunidades. Tras un intento en Madrid do pai e logo nai e pai en Barcelona, acabaron instalándose en París, como centos de galegos daquela xeración.
Foi alí onde naceu Concepción e onde realizou os seus estudos primarios e secundarios no sistema educativo francés. Esa formación complementouse coas ensinanzas de Lingua e Cultura Españolas que as institucións españolas manteñen no exterior para favorecer que os fillos e fillas de españois residentes noutros países conserven os seus vínculos lingüísticos e culturais coas súas orixes. Son as coñecidas como ALCE (Agrupacións de Lingua e Cultura Españolas), un programa do Ministerio de Educación español que continúa funcionando na actualidade en diferentes países, entre eles Francia.
Durante un regreso temporal da familia a Galicia, Concepción chegou tamén a cursar un ano de Educación Primaria no colexio público de Quiroga, nos anos oitenta. Foi unha etapa relacionada coa posta en marcha por parte do seu pai, Florencio, da coñecida liña de autobuses de Torbeo.
O galego, pola súa parte, aprendeuno na casa. E quedou patente durante toda a conversa: Concepción relatou a súa historia nun galego fluído, aprendido dos seus pais e conservado ao longo dos anos a pesar de vivir en Francia.

Unha carreira marcada polo esforzo e o mérito
Chegado o momento dos estudos superiores, orientouse cara ás Ciencias Políticas e ao Dereito Internacional. A vontade de desenvolver unha profesión de servizo público, na que o esforzo e o mérito permitisen avanzar, levouna posteriormente a escoller a carreira militar.
Desde entón desenvolveu unha ampla traxectoria profesional que a levou a desempeñar responsabilidades e misións en diferentes lugares do mundo, entre eles a Güiana Francesa, Iraq, a Polinesia Francesa ou Colombia.
Neste último país exerceu un cardo diplomático como agregada de Defensa de Francia en Colombia, responsabilidade que ocupaba precisamente cando se produciu aquel inesperado encontro que anos despois acabaría conducindo á conversa de San Clodio.
Ao longo da súa carreira desempeñou tamén importantes funcións de asesoramento e responsabilidade vinculadas ao Ministerio das Forzas Armadas francés, por exemplo entre 2022 e 2024, como membro do gabinete do ministro de Defensa Sébastien Lecornu, hoxe primeiro ministro de Francia.
A súa formación especializouse no dereito aplicable aos conflitos armados, un ámbito no que explicou que unha das funcións fundamentais consiste en velar escrupulosamente polo respecto ás normas do dereito internacional humanitario e aos dereitos das persoas, tamén en situacións de guerra. Unha responsabilidade que permite entender que, detrás dunha carreira militar desenvolvida en escenarios moi diferentes, existe tamén unha sólida formación xurídica e unha función esencial: conseguir que, mesmo nun conflito armado, existan normas e límites que deben ser respectados.
Muller, militar e nai: rompendo o teito de cristal
A presenza das mulleres nas Forzas Armadas ocupou igualmente unha parte importante da conversa. A traxectoria de Concepción permitiu falar do denominado teito de cristal, esa barreira non escrita que durante décadas dificultou que as mulleres alcanzasen os postos de maior responsabilidade en determinados ámbitos profesionais, entre eles as Forzas Armadas.
Segundo explicou durante o encontro, está previsto que en xaneiro de 2027 dea un novo paso na súa carreira coa súa promoción ao xeneralato. De producirse, situarase no reducido grupo de mulleres que conseguiron alcanzar os empregos máis altos das Forzas Armadas francesas.
As cifras permiten apreciar a importancia deste proceso. A presenza das mulleres nas Forzas Armadas francesas sitúase arredor do 17 %, mentres que en España supera o 13 %. Porén, a proporción diminúe considerablemente a medida que se ascende aos empregos militares superiores.
En España, os últimos datos oficiais completos contabilizaban 10 mulleres entre os oficiais xenerais en 2024: dúas xenerais de división e oito xenerais de brigada. En Francia, diferentes datos oficiais dos últimos anos sitúan tamén a presenza feminina no xeneralato aínda por debaixo do 10 %, aínda que cunha evolución progresiva.
Concepción defendeu durante a conversa a necesidade de continuar avanzando para que as mulleres poidan alcanzar os postos de maior responsabilidade da carreira militar. Non se trata, segundo explicou, de rebaixar as esixencias nin de facerlles máis doado o camiño, senón de crear as condicións que permitan compatibilizar a promoción profesional con etapas fundamentais da vida persoal, especialmente coa maternidade.
A súa propia carreira é exemplo dunha progresión construída a través da formación, do mérito, do traballo e da asunción crecente de responsabilidades.
París e Torbeo, dous lugares aos que regresar
A pesar dunha vida profesional desenvolvida entre diferentes países e continentes, Concepción mantivo sempre a vinculación coa terra da súa familia. Torbeo segue formando parte da súa vida.
Alí regresa cada ano e alí comparte tempo coa súa familia. O seu marido e os seus fillos incorporáronse tamén con naturalidade á vida da aldea, coñecen o castelán e teñen igualmente contacto co galego. Concepción quere que a nova xeración conserve unhas raíces que ela recibiu dos seus pais e que nunca deixou perder.
O seu marido e os seus fillos estiveron presentes na Aula de Pesca, acompañándoa mentres compartía coa veciñanza unha historia que tamén é, en boa medida, a historia da súa propia familia.
Este verán produciuse ademais outro pequeno episodio cargado de memoria. Concepción entregou os antigos autobuses da liña de Torbeo, vinculados á actividade que desenvolvera o seu pai, Florencio. Neste mes de agosto, aqueles vehículos volveron baixar desde Torbeo ata a N-120, esta vez para emprender unha nova viaxe cara a Silleda, onde serán conservados nun museo de autobuses da familia Cuiña.
Unha nova maneira de preservar unha parte da memoria da emigración, das comunicacións e da vida cotiá desta terra.
Historias de vida para coñecer a nosa propia historia
A primeira cita desta nova serie biográfica das Conversas de Verán permitiu descubrir unha traxectoria profesional excepcional, pero tamén achegarse a unha historia compartida por moitas familias do territorio: a emigración, o esforzo por construír unha vida noutro país, a educación dos fillos e fillas entre dúas culturas e a vontade de conservar os vínculos coa terra de orixe.
Na Aula de Pesca, o seu marido e os seus fillos escoitaron orgullosos unha historia que coñecen ben e que tamén é a súa. E os veciños e veciñas asistentes puideron descubrir como detrás dunha brillante carreira internacional continúa existindo unha relación fonda cunha pequena aldea de Ribas de Sil.
Concepción Rodríguez naceu en París e a súa profesión levouna por diferentes lugares do mundo. Francia forma parte esencial da súa identidade e da súa vida, do mesmo xeito que Galicia forma parte das súas raíces.
Hoxe quere que os seus fillos, plenamente integrados na sociedade francesa, non perdan ese legado. É, dalgún xeito, a mesma vontade que tiveron os seus pais cando lle transmitiron o galego e a levaron ás clases de Lingua e Cultura Españolas mentres medraba en París.
Así, despois de cada viaxe e de cada destino profesional, hai dous nomes que volven aparecer no seu mapa persoal: París e Torbeo.
Porque para voar fan falta ás, pero tamén raíces que nos lembren sempre onde está a casa.