
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de licitar a execución das obras de humanización da Praza Pedro Fernández, no concello de San Xoán de Río, por un importe de 150.000 euros. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 7 de setembro
A intervención ten como obxectivos a revitalización desta praza e homoxeneizar o núcleo de San Xoán de Río a través da conexión física e visual dos puntos estratéxicos do municipio, permitindo unha maior cohesión e dotando á veciñanza dun espazo de calidade.
A praza forma parte do centro neurálxico do municipio ourensán, xa que na súa contorna atópanse establecementos de hostalaría, unha área deportiva, o centro de saúde e a Casa do Concello.
Este contrato enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que asumirá o 70% do orzamento; e o Concello de San Xoán de Río, que achegará o 30% restante.
Estas actuacións desenvólvense ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta, que dá apoio aos municipios para a execución de obras de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e de equipamentos públicos, contribuíndo á cohesión territorial e a reforzar a calidade de vida da veciñanza.