O primeiro Taller de Plantas Medicinais, celebrado no Centro de Visitantes do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra en Biobra (Rubiá), reunía a máis de 30 persoas procedentes de distintos puntos de Valdeorras e O Bierzo. As prazas completáronse e varias persoas tiveron que quedarse en lista de espera, unha resposta que confirma o interese por recuperar e compartir os coñecementos tradicionais vinculados ao territorio.
O taller estaba impartido por Milagros González González, veciña de Vilardesilva e autora do libro Tú pararás arrugas, dolores y calambres!. Durante a xornada, os participantes descubrían algunhas das plantas medicinais presentes na zona, as súas propiedades e usos tradicionais, e participaron nun pequeno taller práctico de elaboración de cremas e macerados.
Pero a xornada ía moito máis alá de coñecer as plantas. Expoñíase como un proxecto piloto, unha primeira “proba de lume” para comprobar o interese e explorar como desenvolver no futuro novos círculos de coñecemento ao redor dos saberes tradicionais de Serra da Enciña da Lastra.
A iniciativa xurdía de Milagros González González e Antonia, de O Marquesado – Apicultores desde 1896, e contaba co apoio do Parque Natural Serra da Enciña da Lastra. O Marquesado patrocinou esta primeira experiencia “co propósito de explorar novas fórmulas para recuperar, compartir e poñer en valor unha sabedoría que aínda permanece viva entre os habitantes do territorio”, indica.

“En moitos pobos aínda hai persoas que coñecen as plantas, saben cando recollelas, como preparalas e para que utilizalas. Son coñecementos transmitidos de xeración en xeración que, se non se recollen e comparten agora, corren o risco de desaparecer”, proseguen. Por iso, a iniciativa lanza unha invitación aberta a todas as persoas da comarca que conservan coñecementos tradicionais —sobre plantas, natureza, agricultura, apicultura, oficios, gastronomía ou outras formas de vida vinculadas ao territorio— para que poidan participar e compartir os seus coñecementos en futuros encontros e círculos de coñecemento. “O obxectivo é sinxelo, pero importante: que esta sabedoría non se perda”.
Ao mesmo tempo, estes coñecementos poden converterse nunha nova forma de descubrir o territorio. A memoria, a natureza e a experiencia dos seus habitantes poden dar lugar a actividades e experiencias auténticas, capaces de atraer visitantes e xerar oportunidades para aloxamentos, restauración, produtores e pequenos negocios locais.

Esta iniciativa conta tamén co respaldo de Natalia García González, profesional do sector turístico internacional no Bierzo, e de Antonia Franco Martínez, promotora do apiturismo en Valdeorras, que colaboran no desenvolvemento de novas propostas vinculadas á natureza, a historia e a cultura, apostando por un turismo responsable e estreitamente conectado co territorio.
“O éxito deste primeiro taller demostra que existe interese e que hai un camiño por percorrer. A próxima etapa será escoitar, reunir coñecementos e crear novos encontros, nos que o territorio non sexa só o escenario, senón tamén o protagonista”, resaltan dende a organización, “orque o futuro dun territorio rural non consiste unicamente en inventar algo novo. Tamén está en recoñecer, aproveitar e poñer en valor todo aquilo que xa existe antes de que se perda”.
Fotos cedidas.

