
Din que nunca é tarde (se a dicha é boa) para facer o que nos gusta, aquelo co que desfrutamos. Se non que llo pregunten ao valdeorrés Luis María Ferrer quen, despois de media vida no CD Rúa, do que se desvinculaba hai un par de anos, vén de fichar polo Quiroga FC, como porteiro.

Seguindo a estela do seu pai, José Luis Ferrer “Calis”, membro do CD Vilamartín recentemente falecido, Luis María dirixía a súa faceta deportiva cara o fútbol, primeiro como xogador e máis tarde como adestrador. Comezaba como cadete no CD Rúa, xogando xa como xuvenil no Real Ávila. Tamén pasaba polo CD Trives, rematando a súa etapa como porteiro no CD Rúa hai uns 20 anos, regresando agora ao terreo de xogo, no conxunto quirogués no que defenderá a portería na tempada 2026/ 2027, na Terceira Futgal lucense.

Máis destacada que a de xogador foi a súa faceta como adestrador, demostrando grandes aptitudes para dirixir aos máis pequenos. No Real Ávila estivo dúas tempadas e despois xa quedaba en casa, onde fundaba e adestraba ao CD Rúa femenino e máis tarde ao CD Rúa base e sénior.

Como adestrador de diferentes equipos no club rués estivo 25 anos sendo a última tempada a 2024/ 2025. Nesa adestraba a un destacado equipo alevín (A) que se clasificaba para o Campionato Galego en Xinzo logrando a 4ª praza da zona sur (Ourense e Pontevedra ) e a primeira na provincia de Ourense. Ademais poñía en marcha o exitoso Campus de Fútbol de Verán A Rúa que este ano celebraba a IX edición.

Fotos cedidas.