Consolidada xa como a cita por execelencia previa ás Festas do Cristo, se presenta a VI Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico que se celebrará na fin de semana do 5 e 6 de setembro na praia fluvial do Malecón, no Barco de Valdeorras con gastronomía, música e actividades complementarias pensadas para desfrute de toda a familia.
Así o adiantaba a concelleira de Turismo e Promoción Económica do Barco, Alba Rodríquez Sanmartín, na presentación realizada na tarde deste mércores 2 de setembro acompañada polo alcalde do Barco, Aurentino Alonso, onde explicou que nesta edición instalaranse 20 stands de diferentes partes de Galicia e Portugal que ofertarán produtos gastronómicos, de artesanía e tamén cosmética natural, de calidade, garantía de orixe, e elaborados no rural.
O horario da feira será de 11 a 14 e de 17 a 21 horas, e igual que noutras edicións, contará con actividades complementarias. O sábado terá lugar a II edición do Concurso Debuxa O Sil, dirixido novamente por Eva e El Taller de Popitas, no que os participantes deberán debuxar unha paisaxe na que apareza o Sil ao seu paso polo Barco. “Nesta ocasión unicamente haberá dúas quendas de participación”, puntualizou a concelleira: de 11:30 a 13:30 horas a categoría de menores de 14 anos, e de 17 a 20 horas, a categoría de maiores de 14 anos. Premiarase o mellor debuxo de cada categoría. “As inscricións faranse directamente con Eva”.

A enóloga Cristina Murga será a encargada de dirixir este ano as Catas no Sil, que se desenvolverán tanto o sábado como o domingo, ás 12 horas. A iniciativa consistirá nunha cata/degustación de produtos da Feira, ao prezo de 5 euros, con prazas limitadas.
De xeito gratuíto e con prazas limitadas desenvolveranse os obradoiros. O de modelado “Barro Libre”, terá lugar o sábado ás 17 horas, con Mª José de Ceniza de Papel; e o de cosmética botánica “Crema facial e corporal”, terá lugar o domingo ás 17 horas, con Juan Carlos e Zaira de Piel Natura.
O sábado pola tarde tamén haberá un showcooking a cargo de Alén Tarrio de Casa Pampín, restaurante cunha estrela michelín que se desenvolverá a partir das 19 horas con degustación incluída.
A música é outros dos ingredientes que non faltarán no evento coas actuacións musicais dos grupos Os Parrandas que farán percorrido pola feira o sábado pola mañá; e Dos en Punto que amenizará a sesión vermú o dominfgo. O sábado a partir das 20:30 horas actuará Ariadna Santana seguida do Dj Rapariga.
A Feira contará ademais cunha zona de foodtrucks e barra de bebida onde os visitantes poderán gozar de múltiples opcións para comer e beber.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.