EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Joaquín Hidalgo, xornalista e crítico internacional: “O godello é unha porta de entrada para descubrir Valdeorras”

Este experto comezaba a súa visita a D.O. Valdeorras cunha cata de 51 referencias e destaca "a diversidade, personalidade e proxección internacional dos seus viños"

 

O xornalista e crítico internacional especializado en viño e enogastronomía Joaquín Hidalgo vén de visitar por segundo ano consecutivo Valdeorras para coñecer de primeira man as súas elaboracións e realizar unha cata dun total de 51 viños pola D.O. Valdeorras: 32 brancos, 17 tintos, 1 tostado e 1 espumoso.

Hidalgo, editor e catador de viños de España, Chile e Arxentina para a publicación estadounidense Vinous.com, afronta nesta ocasión unha estadía de dous días en Valdeorras. Tras unha primeira viaxe á comarca o pasado ano, na que tivo a oportunidade de catar viños e coñecer dous produtores, desta volta a súa pretensión é ampliar o seu coñecemento da denominación a través dunha cata máis ampla e do contacto directo con adegas e viñedos.

A axenda do xornalista incluíu a cata no Consello Regulador, que continuará ao longo da xornada de mañá, así como visitas a diferentes produtores e viñedos. Unha aproximación que Hidalgo considera fundamental para comprender a personalidade dos viños e o territorio do que proceden. “O que realmente me interesa é tratar de entender os lugares, coñecer como funcionan os viñedos e comprender mellor a orixe dos viños que estou catando”, explicou.

Viños da anada 2025

A visita está permitindo ademais a Hidalgo achegarse por primeira vez aos viños da anada 2025, que aínda non tivera ocasión de probar.  Este experto destacou unha das características que considera que diferenza os brancos da denominación respecto dos doutras zonas produtoras de Galicia. “Algúns teñen unha textura como de talco, máis compactos, e outros son moi lisos, pero todos teñen un nivel de concentración nos brancos un puntiño por enriba do resto de Galicia”.

Preguntado pola evolución que percibe nos viños de Valdeorras, Hidalgo pon especialmente o foco na godello, unha variedade que, na súa opinión, se atopa nun momento de crecente interese entre os consumidores. “Particularmente é unha variedade que está en ascenso, ten unha estrela positiva e os consumidores búscana, quérena descubrir”. Ademais recoñece que ese crecente interese foi precisamente un dos motivos que o levaron a achegarse a Valdeorras.

Hidalgo considera que a denominación merece ser descuberta en profundidade e destaca especialmente a diversidade de estilos que pode ofrecer unha mesma variedade. “Non se trata de probar un godello e pensar que xa se coñece Valdeorras, porque hai unha gran diversidade dentro da propia variedade”, indicaba, apuntando ás diferentes texturas, madurezas e aproximacións estilísticas que poden atoparse nos viños elaborados na comarca.

O crítico considera, ademais, que esa amplitude estilística é precisamente un dos aspectos que fai interesante a denominación, xa que “se un cre que probou un só viño, probou todo Valdeorras, pero non”. Ao seu xuízo, esta diversidade configura “un panorama amplo para unha pequena rexión produtora de brancos, cunha variedade que realmente ten un carácter propio”.

Por iso, anima os consumidores e afeccionados ao viño a achegarse aos viños da denominación. “Se un se considera un bebedor de viño, debería probar Valdeorras”, afirmou.

 

 

Potencial para conquistar o consumidor internacional

Tendo en conta o seu contacto cos mercados internacionais, Hidalgo sinala o godello como un dos principais argumentos de Valdeorras para espertar o interese de consumidores doutros países. O xornalista destaca que existen poucos viños brancos no mundo que reúnan as características que presenta o godello de Valdeorras, ao que define como un viño con estrutura, acidez e unha gran amplitude de carácter, capaz de ofrecer perfís florais e notas de froita como mazá ou pera. “Hai poucos brancos así no mundo”. E engade que a combinación das condicións climáticas de Valdeorras, os seus solos e o carácter da variedade contribúe a xerar unha ampla paleta de matices e perfís.

Para Hidalgo, esta singularidade constitúe unha oportunidade especialmente interesante nos mercados internacionais. Un consumidor de cidades como Nova York, Bos Aires ou Toquio, explica, podería atoparse ante un viño diferente aos que habitualmente ten ao seu alcance e descubrir unha variedade e un territorio aínda pouco coñecidos para moitos afeccionados.

A isto suma o alto nivel técnico acadado por algúns dos produtores da denominación, conformando, na súa opinión, unha combinación especialmente atractiva para a proxección internacional de Valdeorras.

“O godello é unha porta de entrada”

Hidalgo tamén destaca a facilidade coa que o godello pode achegarse a diferentes perfís de consumidores. Fronte a outros viños que poden resultar máis complexos ou difíciles de interpretar para quen se está iniciando, considera que o godello de Valdeorras ofrece unha “primeira aproximación amable”. “Non son viños chillóns, non son viños incómodos. Ao contrario, o godello ten esa maxia que é a amplitude do padal, que o fai amable para calquera universo de consumidor”, explicou.

E iso converte este branco “nunha porta de entrada para descubrir Valdeorras, tanto para consumidores experimentados como para aqueles que simplemente senten curiosidade por coñecer unha nova rexión vitivinícola”.

Para a D.O. Valdeorras, “a visita de Joaquín Hidalgo supón unha nova oportunidade para mostrar o potencial vitivinícola de Valdeorras a un dos profesionais de referencia da crítica internacional e reforzar a presenza dos viños da denominación entre prescritores especializados de diferentes mercados”.

Sobre Joaquín Hidalgo

Con formación en Enoloxía e Xornalismo, Joaquín Hidalgo é unha figura clave da comunicación no mundo do viño no ámbito hispano desde hai máis de dúas décadas, con presenza en diversos xornais e outras publicacións especializadas, como a recoñecida revista internacional Vinous.com. Hai case tres anos, sucedeu ao crítico Josh Raynolds como catador dos viños españois para a mencionada publicación.

Vinous.com é unha publicación independente sobre viños con sede nos Estados Unidos. A revista conta cun amplo equipo de críticos e escritores de renome, recoñecidos a nivel internacional. Estes expertos publican anualmente preto de 30.000 recensións de viños e ofrecen unha ampla cobertura de novos lanzamentos, catas verticais, visitas a produtores, mapas interactivos, recomendacións e outros contidos especializados.

Back to top button