Máis alá do fútbol sala e do tempo de lecer, o campus de Fútbol Sala do Pizarras Tres Cuñados que este ano chegaba á IV edición no Barco de Valdeorras, é unha experiencia na que os 61 cativos participantes compartiron excursión e xantar contando asemade coa visita de profesionais do deporte en diferentes ámbitos.
O martes 1 de setembro contaban coa visita de Emilio Villalobos, fisioterapeuta do Colexio Profesional de Madrid; docente de campañas escolares de prevención das costas; membro de grupo de rescate de montaña; e formador que impartía unha charla sobre deporte e hábitos posturais protectores para a saúde física. “É importante que os nenos desfruten facendo exercicio, ademais de estar nunha idade que é importante que crezan o mái sans e saudables posibles, sendo o fútbol sala unha boa actividade para conseguilo”, asegura Villalobos.
O xoves 3 de setembro era o día da agardada excursión á canteira de Pizarras Los Tres Cuñados en Casaio, onde desfrutaron subíndose ao dumper, e tamén xantaron.

E xa na mañá deste venres día 4, recibían unha visita moi especial. A barquense Vera Rodríguez que se formaba nas Escolas Deportivas do Tres Cuñados e que actualmente xoga no filial do Ourense Ontime, onde debutou con apenas 15 anos. É subcampioa de España coa selección galega Sub16 e foi internacional Sub14 e Sub16. “Sentinme moi querida”, di Vera, recoñecendo que é bonito volver a Calabagueiros a contarlle aos pequenos a súa historia e que loiten polo seus soños “e especialmente ás nenas que teñan en conta os comentarios de que isto é un deporte de nenos, que non se rindan, porque ao final o deporte é para todos que veñen ao mesmo, aprender e pasalo ben”, dixo, despois de xogar con eles.
E xunto a ela, chegaba por primeira vez ao Barco, a súa adestradora, Vane Barberá, todo un referente no fútbol sala feminino, tanto a nivel nacional como internacional, como unha das grandes porteiras e capitana da selección española durante moitos anos. Actualmente adestra ao filial do Ourense Ontime FSF sendo tamén adestradora de porteiras do primeiro equipo, valorando moi positivamente actividades como este campus co que colaborou encantada.
A IV edición do campus clausurábase coa entrega de medallas e diplomas.

Fotos cedidas.
Máis información e fotos: