
O presidente da Confederación Empresarial de Ourense, David Martínez, mantivo unha reunión con María Antonia Rilo, presidenta da asociación Mirada Abrandases +60, entidade que traballa polo benestar das mulleres maiores de 60 anos, a defensa dos seus intereses e a promoción dun envellecemento activo.
No encontro participaron tamén César Blanco, vicepresidente da Confederación Empresarial de Ourense, así como Ana Méndez Gómez, Concha López e Pilar Rodríguez, integrantes da xunta directiva de Mirada Abrandases +60.
A reunión permitiu analizar posibles liñas de colaboración entre ambas as entidades e, especialmente, o papel que pode desempeñar o tecido empresarial na posta en valor da experiencia, o coñecemento e o talento das persoas maiores de 60 anos.
Un dos principais asuntos abordados foi o idadismo no ámbito laboral, poñendo sobre a mesa a necesidade de sensibilizar fronte aos prexuízos relacionados coa idade e evitar que esta se converta nun criterio que limite as oportunidades profesionais ou leve a descartar talento e experiencia.
Neste sentido, Mirada Abrandases +60 trasladou a importancia de considerar a experiencia profesional acumulada como un activo para as empresas e non unicamente como unha etapa vinculada ao cabo da vida laboral. Entre as posibilidades expostas atópase favorecer a convivencia e colaboración entre xeracións e explorar iniciativas de mentorización interxeracional, mediante as que profesionais cunha ampla traxectoria poidan transmitir coñecementos e experiencia a traballadores máis novos.
Durante a reunión tamén se abordou a importancia de avanzar cara a unha comunicación empresarial máis inclusiva respecto á idade, evitando estereotipos e promovendo unha imaxe positiva e realista do envellecemento.
Outro dos ámbitos analizados foi a transformación dixital e as dificultades que determinados procesos de dixitalización poden supoñer para as persoas de maior idade. Neste contexto, destacouse a conveniencia de facilitar a súa relación con empresas e servizos dixitais, mellorar a accesibilidade e promover iniciativas de formación que contribúan a reducir a fenda dixital.
Así mesmo, púxose de manifesto a relevancia crecente do denominado consumo sénior, un segmento con necesidades, hábitos e preferencias específicas que as empresas poden coñecer mellor para adaptar os seus produtos, servizos, canles de comunicación, atención ao cliente e accesibilidade.
A reunión serviu tamén para valorar futuras fórmulas de cooperación entre a Confederación Empresarial de Ourense e Mirada Abrandases +60. Entre as propostas expostas atópanse a organización de accións de sensibilización sobre idadismo e empresa, programas de mentorización interxeracional, iniciativas relacionadas coa comunicación inclusiva e a identificación de empresas interesadas en colaborar cos obxectivos da asociación.
David Martínez destacou a importancia de que o tecido empresarial sexa capaz de aproveitar o coñecemento e a experiencia acumulados ao longo de toda unha traxectoria profesional, favorecendo ao mesmo tempo contornas laborais diversas, inclusivos e nos que poidan convivir diferentes xeracións.
Pola súa banda, María Antonia Rilo trasladou a vontade de Mirada Abrandases +60 de establecer alianzas con entidades empresariais e institucións que permitan desenvolver iniciativas útiles e concretas para as persoas maiores de 60 anos.
A Confederación Empresarial de Ourense e Mirada Abrandases +60 continuarán explorando posibles vías de colaboración que permitan avanzar nestes obxectivos e contribuír a unha sociedade e un tecido empresarial máis inclusivos.