
Pacientes do Hospital de Día de Psiquiatría do Hospital Universitario de Ourense sumáronse hoxe ao Día Mundial para a Prevención do Suicidio coa elaboración de faroliños de papel acompañados de mensaxes de ánimo. A actividade busca facer visible este problema de saúde pública, transmitir apoio ás persoas que atravesan momentos de sufrimento emocional e lembrarlles que poden pedir axuda.
A iniciativa recolle o simbolismo da campaña internacional «Acende unha candea», promovida pola Asociación Internacional para a Prevención do Suicidio. Esta acción convida a colocar unha luz xunto a unha xanela ás oito da tarde do 10 de setembro como mostra de apoio á prevención, en lembranza das persoas falecidas e como recoñecemento ás superviventes e ás súas familias.
O lema internacional para o período 2024-2026 é «Cambiar a narrativa sobre o suicidio» e a chamada á acción deste ano, «Inicia a conversa». A Organización Mundial da Saúde propón pasar dunha cultura de silencio e incomprensión a outra baseada na apertura, a empatía e o apoio, favorecendo que as persoas poidan falar do seu sufrimento e solicitar axuda.
«Que o fale»
En consonancia con esta mensaxe, o Servizo de Psiquiatría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras chama a falar ante a aparición de pensamentos ou ideas de suicidio. Cando unha persoa se sente mal e estas ideas lle pasan pola cabeza, a primeira recomendación é que as comparta cunha amizade, coa familia, coa parella ou cun profesional sanitario.
Falar permite romper o illamento, expresar o sufrimento e activar a axuda. Ademais, abordar directamente os pensamentos suicidas non aumenta o risco de que se produzan. Pola contra, facilita a escoita, a valoración da situación e o acceso ao apoio necesario.
A mensaxe diríxese tamén ás familias e á contorna. Ante unha manifestación de desesperanza ou unha posible ideación suicida, cómpre escoitar sen xulgar, acompañar e actuar, pedindo axuda ou animando a persoa a acudir a un profesional. Pola súa parte, os equipos sanitarios deben valorar a situación e activar os recursos asistenciais indicados en cada caso.
Dúas unidades específicas en Ourense
A Área Sanitaria dispón de dúas unidades específicas de prevención do suicidio. A unidade de adultos é a máis veterana de Galicia e unha das de maior traxectoria no ámbito nacional. A ela súmase a unidade de prevención do suicidio infanto-xuvenil, destinada á atención de nenos, nenas e adolescentes.
Estes dispositivos permiten realizar unha valoración especializada, establecer o seguimento e coordinar a resposta asistencial segundo as necesidades de cada persoa. O seu labor complétase coa participación das familias e coa coordinación entre os diferentes niveis asistenciais.
Os intentos de suicidio aumentaron desde a pandemia, unha evolución que obriga a manter unha vixilancia especial na adolescencia. Nesta etapa poden existir maiores dificultades para identificar, comprender ou expresar o sufrimento emocional, polo que resulta fundamental prestar atención aos cambios de comportamento, facilitar espazos de diálogo e favorecer o acceso á atención profesional.
A atención
A dimensión asistencial deste problema reforza a necesidade de facelo visible, sen estigmatizar ás persoas que o sofren. “No Servizo de Psiquiatría atendemos entre dúas e tres persoas ao día con intentos de suicidio de distinta gravidade ou con pensamentos suicidas” explica María Tajes, xefa deste servizo en Ourense, que explica que as vías de acceso máis habituais son desde atención primaria e urxencias.
“A gravidade do intento e os factores psicosociais de cada persoa determinan, de xeito individualizado, a intensidade da atención e o programa terapéutico. Xeralmente o tratamento é ambulatorio, pero nalgúns casos é necesario o ingreso, especialmente cando concorren un trastorno mental, impulsividade suicida ou unha crise psicosocial», subliña a psiquiatra.
A atención desenvólvese mediante o traballo coordinado de profesionais de psiquiatría, a psicoloxía clínica, o traballo social e a enfermería especialista en saúde mental. Mostra da súa dimensión, é o aumento tamén dos ingresos. Así, segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade, sobre altas hospitalarias, os diagnósticos relacionados coa conduta suicida se incrementan progresivamente e, só en 2024, rexistráronse preto de 2.500 episodios en Galicia.